- A concelleira Begoña Blanco presenta as actividades municipais culturais e de lecer das que pode desfrutar a veciñanza no décimo mes do ano
A programación cultural do Concello de Lalín para o vindeiro mes de outubro conxuga a presentación de novos proxectos editoriais, obradoiros, actividades de animación á lectura (contacontos), música coral, a conmemoración do Día da Biblioteca (24 de outubro) e a maxia, nunha combinación ideada dun xeito atractivo para que o conxunto da veciñanza poida elixir entre as diversas opcións de participación aberta e gratuíta.
O mércores 4 de outubro, o antropólogo, profesor e investigador Xoán Carlos García Porral presenta o libro “Antón e a moura do Lameiro de Viana”, una nova obra que constitúe a segunda parte da triloxía ilustrada de "De mouros, mouras e tesouros". Se o primeiro volume, “As tres mouras da Fonte Lantana” nos achegou á figura da mítica moura, este está centrado nos mouros a través de catro lendas de Deza: dúas de Trasdeza (a da fervenza do Toxa e a do arrierio do Castelo de Xestoso) e outras dúas de Camba (a de Pena Longa e a do Lameiro de Viana). Ademais de combinar estes catro relatos lendarios, proponse un xogo interactivo: o xogo de Antón e a Moura, no que a cativada, superados os pasos do mesmo, poderá facerse co arado de ouro agochado tras a fervenza do Toxa. O acto terá lugar no Museo Municipal Ramón Mª Aller ás 20 horas.
O sábado 7 desenvolverase en Castrodeza un obradoiro que leva por título “Constrúe o castro tecnolóxico” a modo de celebración do 10º aniversario do Castro Tecnolóxico (con sesións ás 11 e ás 18 horas).
Como actividades de animación á lectura desenvolveranse dous contacontos: “Cociñando historias de igualdade” (martes 17 ás 11 h no Auditorio) e “Contos para caghar patatillas” (martes 24 ás 11 h no Auditorio), que se desenvolven no marco do programa Ler Conta moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
As citas para este mes de outono incluirán tamén a conmemoración do 10º aniversario da Coral de Lalín que desenvolverá un Festival de Outono o sábado 21 de outubro (18 h no Salón Teatro), e do Día da Biblioteca (o martes 24 de outubro co agasallo dun marcapáxinas aos usuarios que fagan uso do servizo de préstamo).
O sábado 28 pechará as actividades culturais do mes cun espectáculo de maxia a cargo de Pedro Volta (18 horas, Salón Teatro) e cun concerto de solistas da Banda de Lalín, organizado pola propia formación bandística (20 horas, Sala Tuno Valdés).