A tres semanas do seu remate quedan só por completar as formacións complementarias ao alumnado como a limpeza e adecuación das zonas de traballo
O obradoiro de emprego Sendas II, con dúas seccións (Albanelería e Forestais), e tras case un ano de funcionamento, está practicamente rematado, tanto no que se refire á formación prevista para os 20 alumnos/as (10 por sección) como no referente as diferentes actuacións executadas.
Así o sinala a concelleira de Emprego, Beatriz Canda, que indica que “aínda que o obradoiro remata o próxima 13 de outubro, as obras están terminadas a falta de pequenos detalles de limpeza e adecuación das zonas de traballo”. “O mes de outubro estará practicamente dedicado a impartir as formacións complementarias que faltan (módulos de creación da empresa e inserción laboral), dado que se deixou para o final a fin de poder aproveitar o bo tempo na realización das obras”, explica.
Canda indica que “no último mes rematouse a colocación do tellado, a restauración das paredes, a colocación do dintel da porta e a limpeza interior e exterior do muíño que está xunto á depuradora”. “Así mesmo en setembro tamén se colocaron as portas e as ventás dos muíños próximos á entrada do paseo do Pontiñas, ademais de poñer en funcionamento a canle que rodea aos muíños para que poida circular a auga de forma continua e a ponte desmontable que hai xunto a eses muíños e a reparación de todos os treitos que tiñan vallas rotas en todo o paseo”, subliña. “De igual modo tamén se realizou a sinalización con postes da entrada dos muíños”, precisa.
“No que resta de mes queda unicamente a colocación da porta do muíño situado preto da depuradora e a plantación de céspede na contorna dos muíños próximos á Avenida Xosé Cuiña e tamén ao redor da fonte”, conclúe.