Destínanse 50.000 euros á montaxe dunha nova cuberta principal e á prolongación da cuberta do patio para que cubra a entrada principal do centro
Xunta e Concello levan a cabo estas obras que rematarán antes do inicio do curso escolar
As obras de mellora na escola infantil pública Pontiñas anunciadas para este verán xa están en marcha e se prevé que rematen no prazo establecido, antes do inicio do curso escolar. A intervención consiste na montaxe dunha nova cuberta principal e na prolongación da cuberta do patio para que cubra a entrada principal á escola. Tamén se están a instalar novas baixantes exteriores para evitar posibles filtracións de auga ao interior do edificio e se repararán humidades interiores.
A Xunta, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, financia esta actuación con preto de 50.000 euros mediante a compensación do importe das liquidacións que ten que pagar ao Concello de Lalín por este servizo. A execución dos traballos corre a cargo do Concello e estanse a levar a cabo durante o mes de agosto, aproveitando que o centro non ten actividade por vacacións.
A escola infantil Pontiñas iniciará o vindeiro curso 2023-2024 con 65 nenos matriculados e o outro centro que ten o Consorcio neste municipio, o situado no polígono, retomará a súa actividade en setembro con outros 53 nenos.