- O 79% destas 1.191 persoas asistiron ao servizo de orientación laboral
- Publicáronse 41 boletíns de emprego semanalmente cun total de 882 ofertas na páxina propia de Facebook deste servizo municipal
O Concello de Lalín conta desde outubro de 2021 co servizo de orientación laboral que, tal como explica a concelleira de Emprego, Beatriz Canda “ten por obxecto mellorar as aptitudes das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, así como o desenvolvemento de itinerarios laborais, fomento das habilidades profesionais, elaboración de currículos e preparación de entrevistas”.
Canda sinala que de “modo detallado, as actividades que realiza este servizo de orientación laboral son: diagnóstico individualizado e elaboración do perfil ocupacional; deseño do itinerario personalizado para o emprego; acompañamento personalizado no desenvolvemento do itinerario e o cumprimento do compromiso de actividade; deseño, planificación e execución de accións grupais de orientación laboral que poidan ser de interese en función dos perfís das persoas orientadas; asesoramento e axuda técnica adicional para a definición do seu currículo e aplicación de técnicas para a procura activa de emprego; información e asesoramento adicional sobre a situación do mercado de traballo e as políticas activas de emprego, sobre a oferta formativa e os programas que faciliten a mobilidade para a formación e cualificación europeas e sobre a posta en marcha de proxectos emprendedores ou de emprego autónomo, así como os recursos de apoio dispoñibles na súa contorna”.
A responsable municipal subliña que “a relación de funcións deste servizo de orientación laboral municipal se completa coas seguintes funcións: apoio á xestión da mobilidade laboral; coordinación e colaboración co resto de persoal de orientación laboral e coa Rede de técnicos de emprego de Galicia para o intercambio de información e boas prácticas no eido do emprego, o emprendemento e a análise e prospección do mercado laboral e, por último, cunha mellora continuada de competencias e recursos profesionais para a orientación laboral a través da participación nas accións de formación e capacitación específicas que se determinen desde a Xunta, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade”.
Deste xeito a concelleira de Emprego destaca que “desde este servizo no último ano atendéronse un 1.191 persoas,1.063 foron persoas demandantes direccionadas por parte da oficina de emprego e posteriormente reorientadas, das que o 79% asistiu ao servizo, e outras 128 persoas, entre as que se atopan persoas usuarias do CIM, dos servizos sociais municipais ou demandantes que acudiron pola súa conta a solicitar esta asistencia municipal. Cómpre indicar que o servizo de orientación laboral presta de xeito voluntario este servizo en colaboración cos departamentos de servizos sociais e co CIM ofrecendo orientación básica ás persoas demandantes para a procura de emprego: información dos recursos locais, métodos e técnicas, información de ofertas de emprego e de cursos formativos, etc.
Presenza na rede
Así mesmo Canda pon en valor que “a maiores, o servizo de orientación laboral conta con propia páxina da rede social Facebook, con autorización por parte do Servizo de Orientación e Emprego, que se denomina “servizo de orientación laboral Concello de Lalín” e “ofertas de emprego-servizo de orientación laboral do Concello de Lalín” onde se publican ofertas de emprego, cursos de formación e información importante de cara ás persoas demandantes de emprego (procesos de selección, bolsas de emprego, etc.). “As ofertas laborais que se publican de xeito diario no Facebook agrúpanse ao finalizar a semana nun boletín que se difunde a través desta mesma rede social coa finalidade de agrupar a busca de emprego a través dunha soa consulta, co conseguinte aforro de tempo”, puntualiza.
Ao respecto a concelleira resalta que “ata o día de hoxe realizáronse 41 boletíns semanais de ofertas de emprego, publicando as ofertas atopadas a través da consulta de diferentes portais de emprego, buscadores diversos, de “escoita activa” e das empresas de Deza e da contorna: en total publicáronse 882 ofertas”.
“Ademais a técnica responsable participa na xestión das seguintes accións: convocatoria das competencias clave (tramitación de solicitude e rexistro); tramitación da acreditación das competencias profesionais; tramitación da solicitude para expedición do título de certificado de profesionalidade e o cursos preparatorios do Celga; realización de currículo vitae dos usuarios carentes do mesmo; explicación dos métodos de busca de emprego actuais (inclusive as app e as redes sociais); análise do mercado laboral e información de ofertas de emprego coa fonte de orixe e explicación da maneira de proceder para candidatura como resposta a un anuncio”, sinala.
Amplo contacto con entidades para difusión de proxectos e formacións
Así mesmo a edil de Emprego precisa que “o servizo municipal de orientación laboral mantivo contacto cos técnicos/as das diferentes entidades coa finalidade de crear unha rede de contactos, xa que é unha canle clave para o redireccionamento de usuarios ou difusión de proxectos e formacións”. Concretamente, coas seguintes:
- Servizos de orientación laboral da zona (Asociación de Empresarios de Deza; Fundación Roberto Rivas -Silleda-; Cogami -Santiago-; Fundación Amicos -Lalín-; Cáritas-Lugo/Lalín).
- Cos técnicos da Cruz Vermella e de Cáritas Diocesana, principalmente para a preparación das competencias clave posto que realizan grupos formativos.
- Cos técnicos locais de emprego de concellos da Comarca
- Cos técnicos responsables de persoal das empresas Randstand, Cimo, Adecco e Manpower
- Cos técnicos/as do programa do Servizo de Atención ás Migracións (SAMI)
- Cos técnicos/as de servizos sociais do Concello de Lalín e Silleda onde as traballadoras sociais nos derivan persoas beneficiarias, por exemplo, de RISGA para traballar a súa inserción laboral
Por último, resalta que “foron varias as empresas da Comarca e de Tabeirós que se puxeron en contacto co noso servizo na procura de personal para a súa empresa e demandaban que lle publicáramos a oferta de emprego na páxina propia deste servizo de orientación”.
Enlace perfil: https://www.facebook.com/profile.php?id=100075826926894
Enlace páxina: https://www.facebook.com/profile.php?id=100075794844070