Neste mes prevese o fin do acondicionamento dos exteriores destes dous muíños próximos á Avenida Xosé Cuiña
A finalización da complexa tarefa de reparación, substitución e colocación de novos postes nas varandas do paseo Pontiñas á beira do río e do lago e o remate da remodelación da nova fonte son outros dos traballos destacados realizados polo alumnado deste obradoiro que, cun ano de duración, deu comezo en outubro de 2022
O obradoiro de emprego Sendas II, con dúas seccións (Albanelería e Forestais), cun total de 20 alumnos/as (10 por sección), e cunha duración prevista dun ano, continúa progresando no desenvolvemento dos seus traballos iniciados en outubro de 2022, cumprindo os prazos previstos.
A sección Albanelería rematou xa a montaxe das cubertas dos dous muíños que se atopan máis preto á Avenida Xosé Cuiña. Durante o mes de agosto está previsto que remate o acondicionamento dos exteriores destes dous muíños, rematando a construción de pequenos muros e realizando os correspondentes movementos de terra de xeito que permitan a circulación da auga. Nun deles tamén se vai instalar unha porta e unha ventá novas de castaño e no outro foi recuperada, rehabilitada e adaptada a porta procedente dun deses muíños. O mes de setembro dedicarase a rematar a restauración do muíño que está situado a carón da depuradora.
De xeito simultáneo, os/as alumnos/as de Forestais proseguen cos seus labores no paseo do Pontiñas onde remataron practicamente a instalación das varandas da nova fonte, que foi remodelada por completo grazas a unha colaboración exemplar entre o alumnado das dúas seccións do obradoiro, e da ponte que está xunto aos muíños próximos á Avenida Xosé Cuiña.
O alumnado de Albanelería, con pedra reciclada realizou os chanzos de escaleira co seu correspondente abujardado e o cuenco da fonte que foi tallado coa figura dunha cuncha de peregrino e a sección de Forestais realizou todos os accesos á fonte e desaugues para evitar asolagamentos.
Finalizou así mesmo a reparación, substitución e colocación de novos postes nas varandas que están á beira do río e do lago, en catro treitos completos duns 10 metros cada un, ademais tamén se colocaron vinte paus verticais e dez horizontais. Unha tarefa que resultou complexa especialmente no treito que vai desde a depuradora ata o lago, xa que en varias ocasións tiveron que substituír treitos completos de varandas e/ou desprazar un treito de postes para asegurar a súa estabilidade.
Nos vindeiros meses e ata o remate do obradoiro, está previsto que o alumnado continúe cos labores de mantemento do paseo Pontiñas, que levan facendo desde o arranque de Sendas II levando a cabo tarefas de desbroces ao longo do 25 quilómetros lineais ademais de retirada de árbores da canle do río, plantación de máis dunha trintena de árbores froiteiras ou poda de arbustos. Así mesmo o alumnado realizará proximamente prácticas de manexo de motoserras e tractores e poda en altura e rematará a súa formación en extinción de incendios.