- O sábado pola noite terá lugar a observación a simple vista e con telescopio das Perseidas desde o Alto de Rodelas na que tamén se poderá ver a Vía Láctea e o planeta Saturno, ademais doutras estrelas e constelacións
Lalín aparece xa recollido no folleto informativo da Xunta sobre os Destinos Turísticos Starlight en Galicia, sendo un dos selectos puntos na nosa comunidade que contan con este distintivo de calidade tras obter o aval da Fundación Starlight, entidade de ámbito internacional cuxo sistema de certificación está apoiado pola UNESCO, a Organización Mundial de Turismo e a Unión Astronómica Internacional.
Nestes intres desde o goberno municipal estase a promover un primeiro ciclo de actividades de posta en valor do Destino Starlight Lalín que está a acadar bos resultados pois a acollida por parte da veciñanza foi excelente (en todas hai lista de agarda).
Na noite do sábado algo máis de medio cento de persoas poderán desfrutar das Perseidas ou Bágoas de San Lourenzo desde o Alto de Rodelas (zona cero do Destino Starlight) e preto dunha trintena terán que agardar a outra ocasión. Será unha observación a simple vista e con telescopio na que se poderán ver as distintas estrelas, as constelacións, a Vía Láctea e, xa con axuda do telescopio, a estrela dobre Albireo, o cúmulo aberto M11, o cúmulo globular M13, a nebulosa da Lira e o planeta Saturno.
Novas actividades
Está previsto que se promovan novas actividades municipais nos vindeiros meses coas que continuar difundido o Destino Starlight de Lalín (desde a condición de berce da historia da astronomía en Galicia) e dando cabida á alta demanda.