- Desde o Alto de Rodelas na observación do vindeiro sábado poderase ver a Vía Láctea, a estrela dobre Albireo, o cúmulo aberto M 11, o cúmulo globular M 13, a nebulosa Lira e a incluso o Planeta Saturno
-
Na observación das Bágoas de San Lourenzo tomarán parte 55 persoas que lograron praza mediante inscrición previa no Museo Municipal, quedando 28 en lista de agarda
O vindeiro sábado 12 de agosto de 22 a 24 horas terá lugar desde o Alto de Rodelas (zona cero do Destino Starlight) unha sesión de observación astronómica a simple vista con telescopio portátil para ver a Noite das Perseidas ou Bágoas de San Lourenzo. A sesión estará dirixida polo catedrático e director do Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da USC, José Ángel Docobo.
Esta observación na que se poderá ver a Vía Láctea así como a estrela dobre Albireo, o cúmulo aberto M 11, o cúmulo globular M 13, a nebulosa da Lira e a última hora a saída polo leste do Planeta Saturno, enmárcase dentro do ciclo de actividades astronómicas Verán 2023 promovidas polo Concello de Lalín para poñer en valor a recentemente conseguida distinción de Destino Starlight (turismo ligado ás estrelas e/ou aos astros).
As persoas que teñan confirmada a reserva de praza deberán ir con roupa axeitada e a poder ser cunha manta porque o mellor xeito de agardar polas Perseidas é estar deitado mirando ao ceo (ou no seu defecto desde unha cadeira plegable). Tamén é importante ir provistos dunha pequena lanterna non só para ver onde se anda senón tamén para cotexar o planisferio.
Estas actividades están a ter unha gran acollida posto que hai días que xa cubriron a totalidade das prazas, que foron todas con reserva previa no Museo municipal, e incluso hai lista de agarda. Así o autobús que partirá ás 21.30 horas do sábado desde diante da estatua de Loriga ten as 55 prazas cubertas e ademais hai 28 persoas en lista de agarda.
O obradoiro de astronomía e a conferencia “Que é Lalín Leste, Destino Turístico Starlight? que terá lugar o 23 de agosto ás 21 horas no Museo municipal ten tamén as 25 prazas ofertadas con cita previa cubertas e hai unha lista de agarda de 10.
Na primeira das actividades, un obradoiro de astronomía sobre “Uso do Planisferio para a localización de constelacións”, que tivo lugar o 19 de xullo no Museo municipal tamén se cubriron a totalidade das prazas.
Isto denota o éxito que están a ter este primeiro ciclo de actividades de potenciación do Destino turístico Starlight. Para contribuír a seguir potenciándoo, o Concello programará novas actividades en vindeiros meses.
É destacar que o Concello de Lalín acadou esta distinción de calidade turística avalada a nivel internacional a comezos do mes de abril despois de vir tempo traballando arreo desde a Concellería de Turismo e da man do profesor, catedrático de Astronomía e director de Observatorio da USC, José Ángel Docobo, así como do seu equipo conformado por Pedro Pablo Campo Díaz e Xabier Pérez Couto. Neste sentido desde o Concello agradécese á USC e ao profesor Docobo a colaboración e atención especiais sempre co municipio.
O Destino Startlight é un dos atractivos que se quere potenciar en Lalín para incrementar o interese turístico do noso municipio, sobre todo, no que se refire ao mapa astronómico e científico.