Datado en 1845 é considerado o primeiro mapa cartográfico de España feito con criterios científicos, ao que Fontán dedicou 20 anos, percorrendo Galicia enteira a pé en en burro
A partir de agora este relevante ben pasará a formar parte do patrimonio de todos os lalinenses grazas á xenerosidade amosada pola familia Aller Rivas
Ademais do seu alto valor propio, para Lalín ten unha especial relevancia xa que existe unha vinculación cun dos seus Fillos Ilustres, o Matemático de Bermés, que foi mestre de Domingo Fontán
O exemplar da “Carta Xeométrica de Galicia” realizada por Domingo Fontán e que foi doado recentemente ao Concello de Lalín pola familia Aller Rivas atópase xa á disposición do público na Casa Museo de Don Ramón Mª Aller, unha vez sometido a un coidadoso proceso de restauración para garantir así a súa conservación de cara a que as futuras xeracións de lalinenses poidan seguir desfrutando desta obra mestra.
Cómpre destacar que este mapa, datado en 1845, constitúe unha xoia do patrimonio documental posto que son poucas as mostras que se conservan desta carta xeométrica, a primeira realizada en España con medicións matemáticas. O ilustrado, matemático, científico e xeógrafo, Domingo Fontán -discípulo do Matemático Rodríguez- empregou máis de vinte anos da súa vida na súa realización viaxando por toda a xeografía galega a pé, en burro e a cabalo todas e cada unha das máis de 10.000 localidades que existían nese momento en Galicia. Para cartografar Galicia aproveitou os avances científicos, provenientes sobre todo de Francia e empregando instrumentos cedidos pola Universidade de Santiago e adquiridos en París e Londres.
A peza que pasa así a formar parte do patrimonio de todos os lalinenses, grazas á xenerosidade da familia Aller Rivas a que se lle reitera o seu agradecemento, está feita a escala 1/100.000 e composta por 12 follas; cada unha delas mide 58 x 72 cm, polo que o seu tamaño global, unha vez ensambladas, é de 2,16 por 2,32 metros.
A primeira folla, no ángulo superior esquerdo, leva os datos da autoría; a terceira, no ángulo superior dereito ten un pequeno mapa guía (unión das doce follas da Carta Xeométrica de Galicia e a súa
triangulación fundamental), e a folla do ángulo inferior esquerdo ten a lenda e a escala.
Escala e metros antes de que fose unha unidade de medida oficial
Aparecen trinta e cinco sinais convencionais que identifican elementos concretos: pontes
de pedra e madeira, cruces de barcos, muíños, fábricas, feiras, etc. A información
toponímica inclúe, por primeira vez, as comarcas. A escala é tripla, leguas de vinte mil pés
divididas en décimas, millas de sesenta en grao e como novidade: escala en metros, anos
antes de que fose unha unidade de medida oficial.
O ano de realización é o 1845, e o gravador L. Bouffard. Para elaboralo, percorreu pé e a cabalo Galicia enteira. No mapa, sitúanse as 4.000 igrexas das parroquias galegas e todos os accidentes xeográficos importantes, alcanzando un nivel de detalle que non foi superado ata a aparición da fotogrametría aérea.
Ademais do seu alto valor propio, para Lalín ten unha especial relevancia xa que existe unha vinculación cun dos seus Fillos Ilustres, o Matemático de Bermés, personaxe tamén capital na historia científica a nivel internacional, xa que foi mestre de Domingo Fontán, o primeiro cartógrafo científico de Galicia.
Este documento non so é un é un obxecto de culto entre os xeógrafos e historiadores, senón que se trata dunha peza moi apreciada entre as coleccións de referencia coma poden ser a do Museo Arqueolóxico de Ourense, a da Universidade de Santiago, ou a do Museo Provincial de Lugo, que o teñen exposto de xeito permanente.
Proceso de restauración
Para dar cumprimento á lexislación vixente en materia de Patrimonio, o Concello de Lalín procedeu a licitar os traballos de conservación e restauración
deste importante ben cultural.
Por tratarse dun documento cunhas características practicamente únicas no contexto da
cultura galega adxudícanse estes traballos, de conservación e restauración, a Santiago
Moisés Cobelo Casas, profesional con probada experiencia que conta cun recoñecido
prestixio neste ámbito, no contexto da nosa comunidade autónoma, por ter intervido xa
numerosos exemplares do Mapa de don Domingo Fontán, coma o que é propiedade da
Universidade de Santiago ou o do Museo de Lugo.
Cómpre destacar que a colocación do Mapa de Fontán, no Museo Ramón Mª Aller, a levou a cabo o propio equipo de restauración coa colaboración de técnicos de Daexga, empresa especializada en montaxe de exposicións. Este emprazamento será temporal ata que rematen as actuacións de conservación e recuperación da Casa de don Álvaro.