Terá lugar na Carballeira das Nicasias a partir das 12.30 horas e renderáselle homenaxe ás persoas maiores, emigrantes e ao matrimonio con máis anos de casados do municipio
As entradas para poder asistir ao xantar pódense adquirir na recepción do Concello ata o 18 de agosto ao prezo de 20 € por adulto para maiores de 60 anos sendo gratis para os/as nenos/as de ata 12 anos
O Concello de Lalín renderá homenaxe ás persoas maiores e emigrantes o próximo domingo, 27 de agosto, coa celebración da XXIX Romaría Interxeracional de Lalín. Será nunha xornada de convivencia e lecer que terá lugar na Carballeira das Nicasias, situada no Polígono Lalín 2000, a partir das 12.30 horas e que continuará ata entrada a tarde.
A fin de poder asistir ao xantar (composto por empanada, pulpo, carne ao caldeiro, sobremesa e bebidas) faise preciso retirar as entradas na recepción do Concello de Lalín en horario de 9 a 13 horas e ata o 18 de agosto. O prezo será de 20 € por adulto para maiores de 60 anos, agás para os/as menores de 12 anos para os que será gratis.
A Romaría dará comezo ás 12.30 horas cunha misa que se oficiará na propia Carballeira. Ao remate terá lugar unha breve actuación musical e seguidamente as intervencións e os recoñecementos aos asistentes. Distinguiranse ás persoas con máis idade do Concello (á muller e ao home de máis idade do Concello de Lalín); aquelas que máis tempo estiveron na emigración (a muller e o home de máis anos na emigración) e tamén se lle renderá homenaxe ao matrimonio con máis anos de casados no municipio. Tras a entrega de distincións, terá lugar o correspondente xantar e ao remate o concurso de baile.