- Os concelleiros de Educación e de Obras e o xefe territorial de Educación en Pontevedra comunicáronllo á comunidade educativa do colexio de Prado, indicándolle que esta actuación estará rematada antes do inicio do curso
A concelleira de Educación, Begoña Blanco Blanco; o edil de Obras, José Cuñarro, e o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, informaron á comunidade educativa do CEIP Xoaquín Loriga de Prado do inicio inminente da construción dun novo patio neste colexio, despois de que se demolese o anterior por atoparse en mal estado.
Unha actuación, explica Blanco, que lle fora solicitada por parte da administración municipal á Xunta para que se fixera cargo da construción deste novo patio comprometéndose esta a realizala nunha visita realizada polo xefe territorial a este centro en xullo do pasado ano.
A obra a executar consiste na construción dunha cuberta a base de vigas metálicas de aceiro de 122,40 m2. Esta estrutura apoiarase nos muros de contención existentes nos lindes norte e leste da parcela a través dunha abrazadeira perimetral de reforzo e na fronte sur en piares metálicos.
A cubrición do espazo de patio executarase con paneis opacos de chapa de aceiro prelacada e núcleo de espuma de poliuretano na orientación sur da cuberta e con paneis translúcidos na orientación norte, para garantir unha entrada de luz neutra durante todo o ano.
Esta infraestrutura educativa comezarase a construír en breve e estará rematada antes de comezo de curso, dando así resolución definitiva a unha demanda da comunidade educativa, sinala Blanco.
Melloras acometidas no centro
Cómpre recordar que neste colexio se veñen de acometer recentemente a remodelación integral do espazo Concilia coa colocación de novas fiestras, chan e radiadores, entre outras melloras, así como a instalación de 25 metros de valado perimetral de madeira na horta coa finalidade e evitar que o alumnado entrase nesa zona de horta sen vixilancia, de xeito que só podan o facer co acompañamento dos docentes.