- Para participar na Noite das Perseidas o 12 de agosto sairá un autobús ás 21.30 horas diante da estatua de Loriga cara o Alto de Rodelas. As persoas que desexen participar deben inscribirse no Museo Municipal
- O 23 de agosto terá lugar un obradoiro de astronomía e a conferencia “Que é Lalín Leste, Destino Turístico Starlight? xunto cunha observación astronómica co telescopio do Observatorio, para a que é tamén preciso inscrición previa no Museo
- En vindeiros meses iranse realizando novas intervencións para potenciar o Destino Starlight
Xa está aberto o prazo para inscribirse nas actividades astronómicas de verán 2023 que, promovidas polo Concello de Lalín en colaboración co Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da USC, teñen como obxectivo contribuír ao aproveitamento e posta en valor da distinción Destino Starlight lograda recentemente.
Así, para a Noite das Perseidas ou Bágoas de San Lourenzo, no Alto de Rodelas, o sábado 12 de agosto de 22 a 24 horas, sairá un autobús ás 21.30 horas de diante da estatua de Loriga. Cómpre indicar que é necesario inscribirse previamente no Museo, no teléfono 986 784004, un trámite que se atopa xa aberto.
A actividade consistirá nunha sesión de observación astronómica a simple vista e con telescopio portátil desde a zona cero do Destino Starlight Lalín Leste, no Alto de Rodelas, a uns 3,5 quilómetros de Lalín. Unha sesión que estará dirixida polo catedrático José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller de Santiago de Compostela.
Cómpre indicar que este ciclo de actividades deu comezo onte cun obradoiro de astronomía que tivo lugar no Museo Municipal e que abrangueu a impartición dunha conferencia sobre <Uso do planisferio para a localización das constelacións> e unha sesión de observación astronómica co telescopio no Observatorio”.
O ciclo de actividades continuará o 23 de agosto coa última deste primeiro ciclo de accións de posta en valor do Destino Starlight que consistirá nun obradoiro de astronomía que se desenvolverá no Museo ás 21 horas. Dará inicio coa conferencia “Que é Lalín Leste, Destino Turístico Starlight?” e de seguido desenvolverase unha sesión de observación astronómica co telescopio no Observatorio para a que se ofrecen 25 prazas, sendo necesaria previa inscrición no Museo Municipal.
É destacar que o Concello de Lalín acadou esta distinción de calidade turística avalada a nivel internacional a comezos do mes de abril despois de vir tempo traballando arreo desde a Concellería de Turismo e da man do profesor, catedrático de Astronomía e director de Observatorio da USC, José Ángel Docobo, así como do seu equipo conformado por Pedro Pablo Campo Díaz e Xabier Pérez Couto. Neste sentido desde o Concello agradécese á USC e ao profesor Docobo a colaboración e atención especiais sempre ao noso municipio.
O Destino Startlight é un dos atractivos que se quere potenciar en Lalín para incrementar o interese turístico do noso municipio, sobre todo, no que se refire ao mapa astronómico e científico. En vindeiros meses iranse realizando novas intervencións para potenciar o Destino Starlight.