- A Consellería de Política Social e Xuventude está rematando a redacción do proxecto de construción do PEF e agárdase que nas vindeiras semanas se licite a obra
O Concello de Lalín vén de asinar coa Xunta de Galicia (Consellería de Facenda e Administración Pública) a cesión gratuíta de uso de dous inmobles de titularidade municipal a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para a creación dun Punto de Encontro Familiar (PEF) que dea servizo a Lalín e Deza.
Os inmobles cedidos en uso son dúas vivendas emprazadas na planta baixa do nº 5 da rúa Manuel Rivero que se atopan libres de arrendatarios ou terceiros ocupantes. Un acordo de cesión que foi aprobado en xunta de goberno local o 28 de marzo de 2023 e que foi aceptado por parte da Consellería de Facenda a través dunha orde de data 28 de xuño.
Ditas vivendas destinaranse á creación dun Punto de Encontro Familiar por parte da Xunta, dependente da Consellería de Política Social e Xuventude, que permitirá atender as necesidades dos/as usuarios/as residentes en relación á mellora dos procesos de apoio familiar e mediación.
Nestes momentos a Consellería de Política Social e Xuventude está rematando a redacción do proxecto de construción e agárdase que nas vindeiras semanas se licite a obra. O Goberno galego está a estender a rede pública autonómica de Puntos de Encontro Familiar para atender ás derivacións xudiciais de nenos con proxenitores en separacións conflitivas e o obxectivo é chegar aos catorce centros por toda Galicia.
Na actualidade están en funcionamento na nosa Comunidade oito Puntos de Encontro Familiar —sete en cada unha das cidades galegas e un oitavo no Barbanza—. Este PEF do Deza será o seguinte en poñerse en marcha xunto aos da comarca da Mariña e Monterrei.