Lalín vén de obter este recoñecemento internacional de calidade turística en abril para o que levaba traballando en colaboración co profesor Docobo, director do Observatorio da USC
Observacións astronómicas desde o telescopio do Observatorio de Ramón Mª Aller e conferencias sobre o “Uso do planisferio e localización das constelacións” e “Que é Lalín Leste, Destino Turístico Starlight?” xunto coa experiencia turística “Noite das Perseidas” que se poderá presenciar desde o Alto de Rodelas (Lalín Leste) configuran este programa co que se quere dar a coñecer este novo atractivo turístico que ofrece Lalín
En vindeiros meses iranse realizando novas intervencións para potenciar o Destino Starlight
A concelleira de Turismo, Begoña Blanco, sinala que “desde o Concello de Lalín e en colaboración co Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da USC dirixido polo profesor Docobo desenvolveremos durante este verán un programa de actividades astronómicas co obxectivo de contribuír ao aproveitamento e posta en valor da distinción Destino Starlight lograda recentemente”.
Blanco explica que “este primeiro ciclo de actividades iniciarase o mércores 19 de xullo ás 22 h cun obradoiro de astronomía que terá lugar no Museo Municipal e que abranguerá a impartición dunha conferencia sobre <Uso do planisferio para a localización das constelacións> para, de seguido, presenciar unha sesión de observación astronómica co telescopio no Observatorio”. Cómpre indicar que para asistir á sesión de observación astronómica é necesario inscribirse previamente no Museo, no teléfono 986 784004, existindo xa xente en lista de agarda do visionado que quedou pendente doutras anteriores ocasións.
A responsable municipal de Turismo salienta que “o sábado 12 de agosto terá lugar desde as 22 as 24 h a Noite das Perseidas, que consistirá nunha sesión de observación astronómica a simple vista e con telescopio portátil desde a zona cero do Destino Starlight Lalín Leste, no Alto de Rodelas, a uns 3,5 quilómetros de Lalín”.
A Noite das Perseidas ou tamén chamadas Bágoas de San Lourenzo prodúcense cando a Terra pasa a través do regueiro de partículas que os cometas deixan tras de si ou ao moverse ao redor do Sol.
Saída en autobús cara o Alto de Rodelas
Ofértanse un total de 54 prazas e sairá un autobús ás 21.30 h desde diante da estatua de Loriga cara ao Alto de Rodelas. Recoméndase levar calzado cómodo porque hai un treito duns 300 metros que hai que realizalo camiñando. Tamén se debe ir con lanterna e unha prenda de abrigo.
A edil subliña que “o ciclo de actividades continuará o 23 de agosto coa última deste primeiro ciclo de accións de posta en valor do Destino Starlight que consistirá nun obradoiro de astronomía que se desenvolverá no Museo ás 21 horas”. Dará inicio coa conferencia “Que é Lalín Leste, Destino Turístico Starlight?” e de seguido desenvolverase unha sesión de observación astronómica co telescopio no Observatorio para a que se ofrecen 25 prazas, sendo necesaria previa inscrición no Museo Municipal.
É destacar que o Concello de Lalín acadou esta distinción de calidade turística avalada a nivel internacional a comezos do mes de abril despois de vir tempo traballando arreo desde a Concellería de Turismo e da man do profesor, catedrático de Astronomía e director de Observatorio da USC, José Ángel Docobo, así como do seu equipo conformado por Pedro Pablo Campo Díaz e Xabier Pérez Couto. Neste sentido desde o Concello agradécese á USC e ao profesor Docobo a colaboración e atención especiais sempre ao noso municipio.
Unha distinción que lle foi comunicada ao alcalde de Lalín por parte da directora da Fundación Starlight, Antonia Varela tras acreditar o Concello de Lalín o cumprimento duns estritos estándares de calidades avalados pola Unesco, a Organización Mundial do Turismo e a Unión Astronómica Internacional.
O Destino Startlight é un dos atractivos que se quere potenciar en Lalín para incrementar o interese turístico do noso municipio, sobre todo, no que se refire ao mapa astronómico e científico. Lalín é o quinto destino Starlight en Galicia, xa que contan con esta distinción Trevinca, A Veiga (Ourense), Muras (Lugo), Parque Nacional Illas Atlánticas (Pontevedra) e Costa da Morte (A Coruña).
En vindeiros meses iranse realizando novas intervencións para potenciar o Destino Starlight.