Pódese visitar de luns a venres de 9 a 14 e de 18 a 20 horas, ao igual que a Bienal Pintor Laxeiro que está aberta ao público ata o 19 de xullo
Begoña Blanco destacou o orgullo para a vila que é poder contar co legado deste importante matemático, pintor e Fillo Adoptivo de Lalín
A familia Vidal Costa -tres irmáns dos seis que eran: Félix, Enrique e Socorro- achegouse esta mañá ao Museo Municipal “Ramón Mª Aller” para aperturar a exposición do legado que doaron do seu pai, o matemático, pintor e Fillo Adoptivo de Lalín, Enrique Vidal Abascal, composto por centos de cartas, formularios, así como diversos obxectos que poden verse xa nas vitrinas da Casa Museo. No acto estiveron acompañados polas concelleiras Begoña Blanco e Karen Fernández, e tamén participou nel Antonio Vidal Neira, a quen se agradece todas as xestións que realizou coa familia para que o legado de Vidal Abascal recalase en Lalín.
A edil delegada de Cultura, Begoña Blanco, destacou o “orgullo para a vila que é poder contar co legado deste importante matemático, pintor e Fillo Adoptivo de Lalín, que reúne documentos de gran valor, incluso inéditos”.
A exposición que se pode visitar na sala Laxeiro do Museo de luns a venres, en horario de 9 a 14 e de 18 a 20 horas, está distribuída do seguinte xeito: nunha vitrina pódense atopar retratos de Laxeiro realizados polo matemático, científico e pintor Enrique Vidal Abascal, xunto cun gran número de cartas que Laxeiro lle enviaba desde Arxentina desde o ano 1951 ata o seu regreso a España (Madrid, Vigo e Lalín) nos anos setenta do século XX.
Noutra estancia atópanse os borradores de libros escritos por D. Ramón Mª Aller, de carácter inédito, que lle foron regalados por este ao seu alumno, compañeiro e amigo Enrique Vidal Abascal. Tamén se poden ver fotos, a última billeteira-carteira e D. Ramón, cadernos de peto, de cúpula, así como a folla de servizo na ensinanza do astrónomo.
Nun terceiro estante están varias separatas de publicacións que o científico Aller fixo para varias revistas de investigación, tanto nacionais como internacionais e varios dípticos e trípticos das homenaxes recibidas por D. Ramón nos anos 1956 e 1960.
Nunha cuarta vitrina están varios dípticos e trípticos das exposicións realizadas por Laxeiro ao longo de varias décadas, tanto en España como en Arxentina.
Bienal Laxeiro
Os fillos de Vidal Abascal, tamén aproveitaron para visitar a Bienal Pintor Laxeiro porque o seu pai participa na mesma cunha obra titulada Lalín 1933; trátase dunha acuarela/papel que representa a vila lalinense coa igrexa sen rematar o campanario e a casa do científico co Observatorio, o primeiro de Galicia, obra que mostra o trazo esencial da vila nesa época. Indicar que a Bienal está aberta ao público ata o 19 de xullo.