O alcalde, José Crespo, e o presidente da Asociación de Empresarios de Deza, David
Campos, asinaron o convenio de colaboración que estará vixente para este 2023
A achega municipal ten por obxecto o desenvolvemento dun programa de promoción e
dinamización do comercio e a hostalería locais como sectores estratéxicos da economía
lalinense ao longo de todo o ano
O alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias, e o presidente da Asociación de Empresarios de
Deza (AED), David Campos Cortés, asinaron esta mañá un convenio de colaboración
entre o Concello de Lalín e a Asociación de Empresarios de Deza (AED) e o CCA de Lalín
para posibilitar o desenvolvemento dun programa de promoción e dinamización a sectores
estratéxicos como o comercio e a hostalería locais, a través do que o goberno lalinense
compromete á AED 100.000 €, incrementando a dotación en 40.000 € respecto a 2022 e
cumprindo así o compromiso de goberno adquirido. No acto de rúbrica estivo tamén
presente a concelleira de Promoción Económica, Comercio e Emprego, Beatriz Canda
Rodríguez.
De acordo ao convenio subscrito, un total de 54.649,68 € serán destinados a sufragar os
custos de dinamización e formación do sector comercial e hostaleiro, a través do
desenvolvemento dunha decena de campañas e iniciativas de dinamización que o CCA
de Lalín leva a cabo ao longo do ano. Entre as xa realizadas desde o comezo deste ano
2023 atópanse a campaña de rebaixas de inverno, a da Feira do Cocido, a campaña do
Día da Nai e a “Noite Branca”. No que falta de ano quedan por executar “Concurso
Deztápate”, a Festa “Fin de verán”, o “Black Friday” e a campaña especial de Nadal 2023-
2024.
Ademais, o convenio entre Concello e AED contempla unha partida específica de
9.377,50 € para a actualización do plan de acción comercial para o comercio e hostalería
da vila de Lalín e 30.622,50 € para o desenvolvemento dun plan de formación orientado
ao comercio ao considerarse este aspecto clave para o sector.
Así mesmo, tamén recolle unha achega de 5.350,32 € correspondente á aportación
municipal para o mantemento do servizo de seguridade e vixilancia no Polígono Industrial
Lalín 2000, servizo que ten como fin protexer e preservar a os intereses dos empresarios
da zona.
Estas partidas poderán estar suxeitas a variacións, permitíndose flexibilidade nas mesmas,
sempre que se trate de gastos correntes destinados á realización das actividades
referidas.Gabinete de Comunicación
prensa@lalin.gal/ http://www.lalin.gal
CONCELLO DE LALÍN
Nota de Prensa
Deste xeito o goberno cumpre o compromiso adquirido coa AED de xestionar unha
aportación de 100.000 € para o convenio deste 2023 que permita desenvolver actividades
e proxectos de interese común e beneficiosos para os asociados da AED, que potencien a
dinamización do comercio e hostalería lalinenses e o consumo local, e para o pobo en
xeral, tendo e conta:
• a súa importancia estratéxica e as sinerxias con outros sectores como o turismo e
os servizos en xeral
• a boa calidade dos produtos que son ofrecidos ao consumidor final
• o efecto dinamizador que estes sectores exercen sobre o pobo e
• o atractivo que supoñen para os visitantes da nosa área de influencia, máis
tratándose dun municipio cabeceira de comarca.