Actúan América de Vigo, Top Líder, Cinema, El Combo, París de Noia, Panorama, Los Satélites, Broken Peach e todas as bandas e grupos de música tradicional do noso concello
- Pídese a máxima colaboración veciñal, así como empresarial e dos sectores máis directamente beneficiados polos festexos como a hostalería ou o comercio, porque as Festas das Dores son de todos os veciños de Lalín e van beneficiar a toda a veciñanza
- Desde o Concello agradécese o gran esforzo que vai ter que realizar a Comisión para conseguir sufragar a totalidade do custo das patronais das Dores 2023 con colaboración externas, a maiores da achega municipal
A Comisión de Festas Dores 2023, conformada por Inés Reboredo Brandido (presidenta); Sergio Quinteiro Varela (vicepresidente), Alejandro Penalta Muíños (tesoureiro), Beatriz González Rozas (secretaria), ademais de César Montoto Acevedo, Eva Fuentes Senra, Jose Luis Mosquera Fuentes, María Castro García e Milena Riveiro Vázquez como vogais, iniciarán nos próximos días o petitorio para poder sufragar as festas patronais de Lalín que se desenvolverán do 22 o 26 de setembro.
A Comisión, que traballará en coordinación co Concello de Lalín, a través dos edís de Festas, José Cuñarro e de Cultura, Begoña Blanco, está en disposición de comunicar que nas Festas das Dores deste ano actuarán as orquestras de máis renome da nosa Comunidade: América de Vigo, Cinema, El Combo Dominicano, París de Noia, Panorama e Los Satélites, ademais de Top Líder.
Tamén se contará con todas as agrupacións de música tradicional lalinenses así como con charangas e bandas do Concello, ofrecendo a Banda de Lalín unha actuación especial con Serafín Zubiri.
A maiores o cartel abranguerá actuacións de diferentes grupos como Broken Peach e a actuación “Camiñantes e cantantes”, un espectáculo que mestura música e humor ao redor da temática do Camiño de Santiago e no que participarán Manuel Manquiña, Pepo Suevos, Lucía Pérez, Pili Pampín, Laura Añón e Marta Valiño. A maiores, queda algunha incorporación sorpresa ao cartel a fin de que se poida incluír unha maior variedade de espectáculos para o desfrute de todos a veciñanza.
Desde a Comisión destacan a súa disposición para que todos os veciños que así o desexen poidan formar parte activa da organización destas festas, para iso poden poñerse en contacto coa comisión a través do número 612592756. Ademais, pídese a máxima colaboración veciñal, así como empresarial e dos sectores máis directamente beneficiados polos festexos como a hostalería e o comercio xa que unhas boas festas favorecerán a todo o pobo.
Así mesmo desde o Concello agradécese o gran esforzo de cada un dos membros da Comisión que van ter que realizar un traballo complexo restándolle ao seu tempo persoal dun xeito voluntario para conseguir sufragar a totalidade do custo das festas patronais, tendo para iso que buscar colaboracións externas, ás cales se sumará a achega municipal.