- Os alumnos/as concluíron toda a teoría dos seus certificados de profesionalidade, ademais de recibir coñecementos complementarios en prevención de riscos laborais, alfabetización informática, sensibilización en igualdade de xénero e ambiental e curso de montaxe de andamios para os da sección de Albanelería
- Nas 500 horas de obras que ata hoxe levan desenvolto para adquirir experiencia un dos principais obxectivos é a restauración de tres muíños no paseo que presentan xa un estado avanzado de rehabilitación, a remodelación dunha fonte situada preto dos muíños e desbroces e colocación de sinalización nos tramos do trail e mantemento integral do Pontiñas
- Cada alumno e o seus profesores puideran dispoñer dunha tablet que lles permitiu recibir unha formación con metodoloxías máis actuais
O obradoiro de emprego Sendas II, con dúas seccións (Albanelería e Forestais) e cun total de 20 alumnos/as (10 por sección), leva desenvolvendo un importante traballo desde os seus comezos en outubro de 2022. A duración prevista é dun ano. Como en todos os obradoiros o tempo divídese en dúas partes: formación teórica e práctica e obra para adquirir a experiencia necesaria.
A día de hoxe a formación está practicamente rematada: as dúas seccións xa concluíron a súa formación en certificados de profesionalidade correspondentes, ademais de recibir outras formacións complementarias como prevención de riscos laborais, alfabetización informática, sensibilización en igualdade de xénero, sensibilización ambiental e, a maiores, para o alumnado de Albanelería tamén se impartiu un curso de montaxe de andamios. En total toda esta formación recibida supuxo case 800 horas por alumno sobre o total de 900 horas en total.
Tamén se realizaron diferentes visitas formativas que serviron para referendar sobre a práctica os coñecementos teóricos adquiridos (ás instalacións de construción da nova fábrica de Nudesa e á IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería).
No apartado de formación tamén destaca o esforzo realizado para que cada alumno e o seus profesores puideran dispoñer dunha tablet que lles permitiu recibir unha formación con metodoloxías máis actuais.
As horas dedicadas á obra actualmente son unhas 500 por alumno, a metade das previstas para rematar o obradoiro.
Albanelería, restauración de tres muíños
A sección de Albanelería xa leva moito traballo avanzado na restauración de tres muíños, dous xunto á entrada do paseo e outro xunto á depuradora. En todos os muíños rematáronse xa as fases de limpeza da contorna e o interior e a substitución dos solos de terra por enlousado con pedra.
No muíño que está xunto á depuradora realizouse xa a limpeza do cubo e o desmonte da saída da auga por onde se move o muíño ademais de restaurarse os muros de contención. Nos outros dous muíños xa está rematada a limpeza e restauración da canle de rego xeral ademais da limpeza e restauración do canal, cubo e aliviadeiro dun deles.
No que respecto aos muíños indicar tamén que está bastante avanzado o acondicionamento do terreo para preparar as zonas de acceso ata permitir futuras visitas. Cando se comezou a restauración era complexo desprazarse pola zona polas pendentes e zonas de pedras esvaradías. Agora están practicamente rematados todos os movementos de terra e limpeza para acondicionar estas zonas, ademais do muro de entrada para a accesibilidade das instalacións.
Nos dous muíños que están preto da entrada está moi avanzada a consolidación de muros e terminada a restauración do cumio. Nun deles, coa madeira que se recuperou da limpeza inicial colocouse a estrutura de madeira do tellado e no outro con madeira de castaño antiga que se adquiriu estase terminando de colocar a estrutura de todo o tellado. Este muíño está previsto preparalo para poñelo en funcionamento.
Así mesmo cómpre poñer en valor que todas as pedras utilizadas tanto en muíños (solo, paredes, etc.) como na restauración de canles, muros, etc., das contornas son de materias recuperados. O alumnado seleccionounas e transportounas manualmente, dada a dificultade de acceder con medios mecánicos ás zonas de traballo.
Forestais, desbroces e sinalización do trail e mantemento integral do Pontiñas
A sección de Forestais xa rematou os desbroces de case 10 quilómetros na Serra do Candán para o trail. Traballos que se levaron a cabo en condicións moi complexas, pendentes que a maioría das veces superan o 30% chegando en ocasións a máis do 40%, camiños moi estreitos, longas andainas de acceso aos treitos nos que non é posible acceder con ningún tipo de vehículos, etc.
Tamén levaron adiante a sinalización dos treitos do trail, 110 postes que permiten indicar as bifurcacións dos catro percorridos que tivo. A colocación foi totalmente manual con ferramentas manuais e cuñas de madeira e tamén houbo dificultade do transporte ata o seu punto de colocación (Grobas, Monte do Coco, Bustelos, Ameixedo e Moa).
O resto dos traballos desenvolvéronse no paseo do Pontiñas. Nestes momentos estamos rematando o terceiro desbroce xeral, levando a cabo estas tarefas ao longo de 25 quilómetros lineais en cada unha das tres voltas.
No paseo tamén se acometeron outras accións como retirada de máis de dez árbores na canle do río, plantación de máis dunha trintena de froiteiras, mallas para evitar caídas no solo de todas as pontes de madeira, limpeza de cunetas na zona dos muíños e poda das árbores e arbustos que molestaban ao pasos dos viandantes.
Colaboración exemplar entre a sección de Albanelería e Forestais
Ademais, ambas dúas seccións executaron cunha exemplar colaboración a remodelación completa da fonte que está preto dos muíños. O alumnado de Albanelería, con pedra reciclada realizou os chanzos de escaleira co seu correspondente abujardado e o cuenco da fonte que foi tallado coa figura dunha cuncha de peregrino e a sección de Forestais realizou todos os acceso á fonte e desaugues para evitar asolagamentos.