Arrancou en Donramiro e impartirase nun total de dez locais sociais municipais
Con esta iniciativa o Concello de Lalín e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, contribuirán a mellorar a calidade de vida das persoas usuarias e das súas familias, estimándose que terá un alcance beneficios para máis de 500 lalinenses
Hoxe deu comezo en Donramiro o programa “Lalín Activa” co que o Concello de Lalín, da man da Consellería de Política Social, que financia con 75.000 € a dita iniciativa, promoverán a conciliación familiar e o envellecemento activo e que se desenvolverá nun total de dez locais sociais municipais. A concelleira de Política Social, Carmen Canda; xunto á primeira tenente alcalde e anterior edil delegada, Paz Pérez; á concelleira de Emprego e de zona, Beatriz Canda, e ao director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, realizaron esta mañá unha visita aos primeiros participantes no programa.
Este programa ten como principal fin proporcionar e fomentar ás familias coidadoras de persoas un espazo onde realizar actividades, dado que moitas das que conviven coas súas familias pasan moito tempo en soidade debido ás responsabilidades laborais que teñen as persoas encargadas dos seus coidados, permitindo ao tempo a estas últimas poder gozar de tempo libre e conciliación e respiro familiar.
Os obxectivos que se pretenden conseguir co programa son implementar formacións e actividades para a autosuficiencia e autoestima, fomentar a estimulación cognitiva, favorecer o ocio e as relacións interpersoais, crear o hábito de levar a cabo sesións de ximnasia e rehabilitación física, avaliación continua das capacidades cognitivas das persoas participantes e realizar un diagnóstico cognitivo a nivel individual da situación e das necesidades das persoas.
As actividades que poderán desenvolverse son: estimulación cognitiva, estimulación sensorial e musical, dinámicas grupais como grupos de actualidade e debates, actividades de psicomotricidade, manualidades, autocoidados e benestar, hábitos saudables, tempo de lecer, etc. Deste xeito, tamén se promoven hábitos e pautas que contribúen a un envellecemento saudable. Estímase que como beneficiarios directos e indirectos desta medida de conciliación haxa aproximadamente 500 veciños/as.
Inscrición no departamento de Política Social
Como requisito para participar será necesario estar empadroados no Concello de Lalín e ter 55 anos ou máis. A veciñanza que desexe asistir deberán anotarse presencialmente no departamento de servizos sociais do Concello de Lalín. Para máis información do programa poden chamar aos teléfonos 986780014 ou 681301958.
Programación nos locais sociais
A programación nos locais sociais será: en Donramiro os luns de 9:30 a 13:15; en Cercio os luns de 16:30 a 20:15; en Filgueira os martes de 9:30 a 13:15; en Prado os martes de 16:30 a 20:15; Muimenta os mércores de 9:30 a 13:15; en Goiás os mércores de 16:30 a 20:15; en Botos os xoves de 9:30 a 13:15; en Lalín (Espazo Activo, no antigo local da radio municipal) os xoves de 16:30 a 20:15; en Vilatuxe os venres de 9:30 a 13:15 e en Soutolongo os venres de 16:30 a 20:15.
As parroquias que corresponden ao local social de Donramiro son Catasós, Donramiro e Moneixas; ao local social de Cercio, Camposancos, Cangas, Cello, Cercio, Galegos, Palmou, Palio, Rodís e Val; a Filgueira serían as parroquias de Bermés, Filgueira, Santiso, Fontecabalos e Sello. No local social de Prado impartirase para veciños/as das parroquias de Anzo, Bendoiro, Busto, Cristimil, Losón, Madriñán, Meixome, Noceda e Prado. Ao local social de Muimenta irán as parroquias de Cadrón, Muimenta, Parada, Alperiz, A Veiga e Erbo; ao local social de Goiás as parroquias de Albarellos, Alemparte, Castro, Goiás, Maceira e Xaxán; ao local social de Botos, as parroquias de Botos, Donsión, Vilanova e A Xesta; ao Espazo Activo de Lalín (antigo local da radio) os lugares de Carragoso, Feás, Lalín de Arriba, Alfonselle, García Sánchez, Lagazós e Vila Flores e, por último, ao local social de Soutolongo e Vilatuxe, as parroquias de Anseán, Barcia, Doade, Gresande, Lebozán, Lodeiro, Soutolongo, Vilatuxe e Zobra.
O programa está financiado con 75.000 € pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, tras o sinatura do convenio de colaboración entre a dita Consellería e o Concello de Lalín para o financiamento deste programa “Lalín Activa” para o exercicio 2023. A achega municipal será de 16.358 €.
Existen moitas persoas maiores do Concello que teñen dificultades para afrontar os problemas propios da idade, participar no tempo de ocio, desfrutar das actividades cotiás e ocupar o tempo libre de xeito satisfactorio. Esta situación pode levar consigo un risco de progresivo illamento social e unha dificultade de conciliación familiar e laboral dos seus familiares, por iso, con “Lalín Activa” vanse poñer en marcha actividades nas que se ocupen e melloren as necesidades individuais de cada persoa usuaria.