- Trátase dun vehículo autobomba rural pesado, en bo estado de uso e conservación que non estaba sendo usado no Parque Intercomarcal e que se incorpora ao equipo de Emerxencias Lalín
- Hoxe asinouse o correspondente convenio de colaboración polo que o Consorcio cede en propiedade ao Concello este vehículo que conta cun completo equipamento
Logo de que na última xunta de goberno local se aprobase a aceptación expresa de cesión dun vehículo do Consorcio Contraincendios e Salvamento das Comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes ao Concello de Lalín, hoxe vense de facer efectiva a posta a disposición e entrega ao Concello de Lalín por parte do Consorcio dun vehículo autobomba rural pesado pero en bo estado de uso e conservación, que non facía falta no Parque Intercomarcal, para dedicalo a realizacións de fins municipais de utilidade pública ou interese social en materia de seguridade e protección civil.
Para tal fin esta mañá asinouse o correspondente convenio de colaboración entre o presidente do Consorcio, José Crespo, e o concelleiro de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Pablo Areán, polo que o Consorcio acorda a cesión gratuíta en propiedade deste vehículo antigo ao Concello de Lalín pesado para empregalo na resolución de emerxencias tales como incendios, accidentes de circulación, simulacros, rescates, etc.
Aínda que é un vehículo con certos anos, tivo poucas saídas e presenta boas condicións de conservación e mantemento e indicar que será de gran utilidade para os servizos de emerxencias municipais dado que ademais conta cun equipamento moi completo entre o que se atopa un equipo de excarceración completo, cisterna autoportante con capacidade máxima de 3.000 litros deseñada para a loita contra incendios, toma de forza incorporada e bomba centrífuga.
O dito vehículo motobomba atópase xa en territorio do Concello de Lalín para ser destinado á realización de fins de utilidade pública en materia de protección civil, xa que tras a sinatura do correspondente convenio de colaboración foi posto a disposición de Emerxencias Lalín.