-
O Concello de Lalín e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, pretenden facilitar as necesidades de conciliación e respiro familiar
-
Co programa está previsto crear espazos de esparexamento dirixidos a persoas maiores a fin de promover un envellecemento saudable
-
A veciñanza que desexe asistir deberán anotarse presencialmente no departamento de Servizos Sociais do Concello de Lalín
-
Con esta iniciativa mellorarase tanto a calidade de vida das persoas usuarias como das familias e estímase que terá un alcance beneficioso para máis de 500 lalinenses tanto directa como indirectamente
A tenente alcalde e concelleira de Política Social en funcións, Paz Pérez, informa da apertura do prazo de inscrición para o programa “Lalín Activa” a partir de día de hoxe. Este programa ten como obxectivo principal proporcionar e fomentar ás familias coidadoras de persoas un espazo onde realizar actividades, dado que moitas das que conviven coas súas familias pasan moito tempo en soidade debido ás responsabilidades laborais que teñen as persoas encargadas dos seus coidados, permitindo ao mesmo tempo a estas últimas poder gozar de tempo libre e conciliación e respiro familiar.
As actividades que poderán desenvolverse son: estimulación cognitiva, estimulación sensorial e musical, dinámicas grupais, actividades de psicomotricidade, manualidades, autocoidados e benestar, hábitos saudables, tempo de lecer, etc. Deste xeito, tamén se promoven hábitos e pautas que contribúen a un envellecemento saudable.
O programa poderá ofrecer servizo a 250 usuarios en 10 locais no que o horario do persoal será partido en dúas sesións para levar a cabo o servizo en dúas parroquias cada día de 9:30 a 13:15 horas e de 16:30 - 20:15 horas de luns a venres. Estímase que como beneficiarios directos e indirectos desta medida de conciliación haxa aproximadamente 500 veciños/as. Levarase a cabo nos locais de Botos, Cercio, Donramiro, Goiás, Muimenta, Prado, Vilatuxe, Soutolongo, no Espazo Activo de Lalín (anterior local da radio municipal) e no obradoiro en Filgueira.
Os requisitos para a inscrición son: ser maior de 55 anos e estar empadroados no Concello de Lalín. A veciñanza que desexe asistir deberán anotarse presencialmente no departamento de Servizos Sociais do Concello de Lalín.
O programa está financiado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, tras o sinatura do convenio de colaboración entre a dita Consellería e o Concello de Lalín para o financiamento do Programa de Respiro Familiar “Lalín Activa” para o exercicio 2023.
O Concello de Lalín recibirá da Consellería de Política Social 75.000 € para o financiamento do programa “Lalín Activa” para este ano 2023 que ten como finalidade ofertar un amplo programa de actividades de envellecemento activo e de conciliación e respiro familiar.
Existen moitas persoas maiores do Concello que teñen dificultades para afrontar os problemas propios da idade, participar no tempo de ocio, desfrutar das actividades cotiás e ocupar o tempo libre de xeito satisfactorio. Esta situación pode levar consigo un risco de progresivo illamento social e unha dificultade de conciliación familiar e laboral dos seus familiares, por iso, vanse poñer en marcha actividades nas que se ocupen e melloren as necesidades individuais de cada persoa usuaria.