- Desenvolverase do 11 ao 14 de xullo e nel tomarán parte relatores/as cun gran nivel de coñecemento da materia e ampla capacidade de comunicación
Continúa aberta ata o 30 de xuño a inscricións para a XVIII curso de verán “Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0: Violencia-machosfera-consentimento-coeducación” promovido pola USC e o Concello, que este ano se celebrará do 11 ao 14 de xullo no Salón Teatro do Auditorio Municipal, codirixido por Mª del Mar Sanjuán Roca e Mª Jesús Payo Negro correspondendo a secretaría a Celso Taboada Lorenzo. A matrícula pódese facer a través de https://www.usc.gal/gl/servizos/area/cultura/formacion/universidade-veran/xviii-novas-fronteiras-igualdade-oportunidades-20-violencias-machosfera-consentimento-coeducacion-13279.
O dito curso, cunha duración de 30 horas lectivas, conta con cofinanciamento do Concello de Lalín e ten un límite de alumnos/as de 320. Máis info en: www.lalin.gal/igualdade. Trátase dunha actividade financiada con cargo aos fondos recibidos do Ministerio de Igualdade (Secretaría de Estado de Igualdade contra a Violencia de Xénero) e está solicitada homologación á Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades como actividade de formación permanente do profesorado.
As administracións deben traballar para que as persoas educadoras teñan espazos para aprehender a manexar ferramentas coeducativas transformadoras, ademais de ser exemplo práctico dunha acción coeducadora transversal, integral e real comezando nas escolas e ata as universidades.
Neste curso con relatores/as cun gran nivel de coñecemento da materia e mellor capacidade de comunicación desde distintos puntos de vista, reflexionarase sobre os estereotipos cotiáns que alimentan as ideas nesgadas do que é “normal" e aceptable, e que forza principalmente a mulleres e nenas a asumir funcións, que seguro non escollerían libremente, ou a gastar enerxía loitando contra as ideas preconcibidas acerca do papel que desempeñan no mundo. Así mesmo, sobre os estereotipos que tamén afectan aos homes nas decisións que adoptan, tanto no ámbito persoal, como no laboral, educativo, social e político.
Desde as institucións educativas e políticas débese propiciar a formación e capacitación para crear e reclamar recursos educativos, sociais, laborais, económicos e lexislativos suficientes que permitan mellorar esta sociedade afectando a cada unha das diversas e diferentes persoas que convivimos nela.
Entre os obxectivos deste curso están os de:
- Promover a participación e integración entre escola e comunidade a fin de desenvolver accións que permitan detectar os problemas educativos e sociais que lles afectan e aportar alternativas de solución que contribúan a mellorar a sociedade.
- Facilitar o intercambio de experiencias e o aproveitamento de materiais e recursos diversos sobre as temáticas propostas.
- Facilitar o encontro de profesionais de distintos ámbitos de intervención relacionados coa igualdade de oportunidades, especialmente o profesorado, favorecendo o intercambio de experiencias e o apoio mutuo.
- Debater sobre a educación en igualdade nos ámbitos educativo e social, favorecendo unha reflexión sobre a igualdade como compromiso educativo.
- Capacitar ao alumnado no manexo de técnicas para rachar cos estereotipos sexistas e evitar a súa reprodución.
- Incrementar a conciencia sobre as diferentes expresións de violencias machistas na sociedade, a fin de non limitar o debate sobre os medios para combater a violencia só a pequenos grupos, co risco de autoreferencialidade.
- Evitar a hexemonía, xeral ou parcial, e ampliar a discusión e as achegas sobre as mellores accións de sensibilización e loita contra a violencia de xénero e outras violencias.
- Mellorar as habilidades do alumnado para contribuír a fortalecer o seu protagonismo e as súas posibilidades de influír na comunidade.
- Coñecer e analizar boas prácticas para o desenvolvemento de actuacións igualitarias na escola mediante a revisión das ferramentas habitualmente empregadas e a análise de novas propostas.
- Comprender a importancia da sensibilización para promover o cambio de mentalidades, actitudes e prácticas en relación cos procesos educativos que favorezan a comunicación igualitaria.
- Abrir espazos de reflexión en torno ao sexismo que existe na comunicación humana, ofrecendo alternativas e proporcionando instrumentos para que, desde calquera ámbito, se potencie a utilización dunha linguaxe inclusiva e se trate a información desde parámetros non discriminatorios.
- Dispoñer de recursos (simbólicos, semánticos, gramaticais, etc.) para articular alternativas á comunicación sexista, racista, homófoba, etc.
Público ao que vai dirixido primordialmente
- Alumnado universitario.
- Profesorado.
- Diplomadas/os, licenciadas/os, doutoras/es ou profesionais que traballen en institucións públicas ou privadas e que queiran ampliar os seus coñecementos previos, ou incorporar por primeira vez a perspectiva de xénero e a igualdade de oportunidades na súa práctica profesional ou no seu acervo de coñecementos.
- Profesionais e persoal técnico de institucións públicas e privadas: Concellos, Comunidades Autónomas, Administración do Estado.
- Educadoras/es sociais.
- Traballadoras/es sociais e orientadoras/es.
- Profesionais dos medios de comunicación.
- Community manager e profesionais da comunicación en Social Media.
- Educadoras/es, ANPA, Asociacións sociais e/ou culturais, Fundacións, ONGs, partidos políticos, sindicatos.
Créditos e diploma de asistencia
A USC recoñece, para este curso de 30 horas da Universidade de Verán 2023, 2 créditos ECTS (titulacións de Grao) para o seu alumnado e recibirán a tal efecto un diploma de aproveitamento e o certificado de crédito, sempre e cando cumpran coa asistencia ao 80% das horas lectivas do curso.
A taxa xeral do importe da matrícula é de 120 €, pero tamén hai unha taxa reducida de 70 €, aplicable a estudantes universitarios, de Bacharelato ou de Formación Profesional, pensionistas, desempregado/as, socios/as da Asociación de Antigos alumnos da USC e PDI e PAS da USC.
A parte, todas as persoas, nacionais ou estranxeiras, que non estean cubertas polo seguro escolar obrigatorio do INSS, por non teren formalizada matrícula en estudos oficiais na USC no curso académico 2021-22 ou ben, sendo alumnos/as da USC neste curso 2021/22 son de nacionalidade estranxeira ou nacionais maiores de 28 anos e non teñan contratado este seguro nos estudos nos que formalizaron matrícula, deben subscribir o seguro obrigatorio de accidentes e asistencia en viaxe que terá un custe de 17,50 €. Unha vez realizada a matrícula non se efectuarán devolucións agás no caso da suspensión do curso.
Centros de información e matriculación
Campus de Compostela:
Área de Cultura – Colexio de San Xerome
Praza do Obradoiro s/n
Teléfonos 881811018 e 881811103
Campus de Lugo:
Área de Cultura - Pazo de Montenegro
Praciña da Universidade
Teléfono 982821513
Oficina de Igualdade do Concello de Lalín
Praza de Galicia, nº1
www.usc.gal/gl/servizos/area/cultura/formacion/universidade-veran
www.lalin.gal/igualdade
Programa do curso
MARTES 11 DE XULLO
10:00 h. Conferencia
"Agulla, papel e garavanzos. Historia do feminismo cotiá"
LUZ MARTÍNEZ TEN. Pedagoga. Sindicalista Feminista. Directora do proxecto “Las Maestras de la República”.
12:15 h. Conferencia
“Unha mirada interseccional e decolonial desde o Feminismo Antirracista”
JEANE COSTA. Educadora e Sexóloga - Sexología Atlántica.
16:00 h. Conferencia
“Outras Masculinidades?, privilexios e corazas ou outras formas de ser”
MIGUEL ÁNGEL ARCONADA MELERO. "Catedrático Literatura no Instituto Jorge Manrique de Palencia. Experto en promoción coeducativa de masculinidades comprometidas coa igualdade"
18:15 h. Conferencia
"O home débil fronte ao home forte: feminismo, cambios sociais e transformación social das masculinidades"
IVÁN SAMBADE BAQUERÍN. Profesor de Filosofía Moral e Política e membro da Cátedra de Estudos de Xénero. Universidade de Valladolid
MÉRCORES 12 DE XULLO
10:00 h. Conferencia
“Que pasa co Pin Parental?, eu mando eu decido”
SORAYA CALVO GONZÁLEZ. Profesora na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Oviedo.
12:15 h. Conferencia
“Que pasa coa Lei Trans?, o dereito de ser”
MIGUEL VIEITO. Avogado experto en Dereito Antidisciminatorio.
NEE BARROS.
16:00 h. Conferencia
“Que pasa coa Homofobia?, pedagoxía do orgullo*”
JOSÉ IGNACIO PICHARDO GALÁN. Profesor de Antropoloxía Social e Psicoloxía Social da Universidade Complutense de Madrid.
18:15 h. Conferencia
“Cibertrata e Prostitución 2.0 (Pornoexplotación)”
MABEL LOZANO. Guionista, produtora e directora de cine social.
XOVES 13 DE XULLO
10:00 h. Conferencia
“Violencias por razón de xénero na Adolescencia Española”
CARMEN RUIZ REPULLO. Profesora de Socioloxía na Universidade de Xaén. Experta en Coeducación e Violencia de Xénero.
12:15 h. Conferencia
“Que pasa coa Lei Só Si é Si?, o consentimento sexual non é un termo neutral”
MARÍA ACALE SÁNCHEZ. Doutora en Dereito pola Universidade de Cádiz e Catedrática de Dereito Penal.
16:00 h. Conferencia
“Que pasa coa Machosfera?, Violencia patriarcal en Rede”
LIONEL DELGADO ONTIVERO. Doutor en Socioloxía, investigador e activista sobre Masculinidade.
18:15 h. Conferencia
“Cara unha Educación Sexual de Coidado”
ROSA SANCHÍS CAUDET. Profesora e asesora na UEO de Igualdade e Diversidade da GV.
VENRES 14 DE XULLO
10:00 h. Conferencia
“Historias para apreciar o feminismo a través da arte”
EUGENIA TENENBAUM. Historiadora da Arte especializada en perspectiva de Xénero.
12:15 h. Conferencia
“Que pasa coa Coeducación?, feminismo na escola actual”
MARIAN MORENO LLANEZA. Profesora de Lingua e Literatura. Experta en Coeducación. Asesora de Coeducación no Instituto Asturiano de la Mujer