- Inaugurarase o venres, 19 de maio, ás 20 h no Museo Municipal
-
Participarán nela máis dunha trintena de creadores, artistas emerxentes e consolidados, de Ourense, Santiago e Lalín que presentarán obra co Camiño como eixe temático
A XVI Bienal Pintor Laxeiro, promovida polo Concello, estará dedicada aos artistas de Lalín, Ourense e Santiago que teñen como denominador a Vía da Prata como territorio inspirador das súas obras ao longo do último século. Inaugurarase o venres, 19 de maio, ás 20 horas, e nela tomarán parte máis dunha trintena de creadores, artistas emerxentes e consolidados, que naceron ou viviron nunha das rutas xacobeas máis concorridas e que destacan pola súa grandeza plástica ao presentar obra baixo a temática singular do Camiño concibido como elemento xerador de experiencias artísticas.
Unha Bienal que permitirá descubrir as caras creativas que xorden ao longo deste territorio da Vía da Prata e que se celebra nun ano no que se está a conmemorar un acontecemento cultural de gran importancia como é o centenario do Seminario de Estudos Galegos, unha institución que desenvolveu un gran laboral cultural e de divulgación e que tamén tivo unha considerable pegada en Lalín e en Deza.
O elenco de artistas que participan nesta Bienal, coa que se pretende poñer en valor o polo creativo Lalín-Ourense-Santiago e os recursos vinculados ao Camiño, está conformado por: Parada Justel, Maside, Colmeiro, Prego, Juan Luis López García, Luis Vázquez López, Laxeiro, Virxilio, Acisclo Manzano, Buciños, Xosé Luis de Dios, Xaime Quessada, Alexandro, Vidal Souto, Antón Lamazares, Sucasas, Manuel Quintana Martelo, Pilar Taboada, Guillermo Aymerich, Gloria Alonso, Elena Colmeiro, Armindo Salgueiro, “Willy”, Vidal Payo, Gloria Alonso, Nicolás González, Lino Martínez Villafínez, María José Díaz, María Meijide, Paco Lareo, Ferreiro, Enrique Vidal Abascal, Misha Bies Golas (Miguel Calvo), Noelia “A Ferreira” e Aitana Iglesias.
Coincidindo coa inauguración da Bienal tamén está previsto que se presente o catálogo, editado co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.