- Desenvolverase do 17 ao 21 de maio e iniciarase o mércores, Día das Letras, co Serán que terá lugar desde ás 11 h na carballeira do Rodo ou, se o tempo o impedise, nunha carpa na Praza da Igrexa. Será un Serán dedicado ás mulleres a cargo dos grupos tradicionais lalinenses onde se entregará a Pandeireta de Honra a Ugia Pedreira que se prolongará ao longo da xornada
Achégase o Día das Letras en homenaxe a Fernández del Riego e nesta semana desenvólvese a programación municipal “Lalín nas Letras”, que dá protagonismo ás mulleres con actividades diversas que inclúen obradoiros, música e cine.
Esta programación especial dedicada ás Letras iníciase o mércores, 17 de Maio, o día propio, cun Serán das Letras en feminino na Carballeira do Rodo (ou nunha carpa na Praza da Igrexa en caso de chuvia) onde tomarán parte representantes dos grupos musicais locais (Ailola, Pandereteiras de Bendoiro, Carballo da Manteiga, Os Trasnos de Doade (Casa do Patrón), A Carballeira de Cercio, Ponte da Prata de Botos, e Repenicando).
O Serán das Letras iniciarase ás 11 h cun obradoiro de especialización de baile a cargo de Montse Rivera, de Leilía. Ás 13 h terá lugar un concerto de Uxía Senlle e ao remate entregaráselle a pandeireta de honra á cantante Ugia Pedreira.
De seguido terá lugar un xantar comunitario na Carballeira e pola tarde un obradoiro de pandeiro a cargo de Bea de Adufeiras de Salitre para comezar ás 18.30 h coas actuacións dos grupos tradicionais do noso municipio.
Xa o xoves, 18 de maio, ás 18.30 h na biblioteca municipal desenvolverase unha sesión de Mirlotís dedicada ás Letras Galegas que contará ademais cun convidado especial.
O venres 19 de maio a Praza da Igrexa acollerá o concerto de Roi Casal, “Son Galego, son cubano”, mentres que o 20 de maio terá lugar ás 11.30 h un pasarrúas dos Cabezudos de Laxeiro; ás 13 h haberá un concerto das Letras Galegas da Banda de Música de Vilatuxe no Quilómetro 0 e ás 20.30 h terá lugar no Salón Teatro a obra “O Naranxo de Ramón de Valenzuela” a cargo do grupo tradicional A Carballeira de Cercio no marco do programa Lalín con Razón.
Un concerto de Xurxo Fernández o domingo 21 de maio ás 13 h na Praza da Igrexa e a proxección do filme As Bestas de Rodrigo Sorogoyen ás 20 h no Salón teatro porán o broche a esta semana lalinense dedicada ás Letras.