O Concello de Lalín renderalle mañá homenaxe a Juan Carlos Fernández Lamas, Pachi, cunha recepción que terá lugar ás 13 horas, na Casa do Concello, polos 58 anos sobre os escenarios que terá lugar no día no que cumpre 72 anos. Dáselle así cumprimento a un acordo da xunta de voceiros, a proposta do alcalde, de facerlle un recoñecemento público a este veciño tan querido.
Durante o acto, que se desenvolverá no Salón de Plenos, presentado pola concelleira de Cultura, intervirá un dos amigos do homenaxeado, Maximino Míguez, ademais do propio Pachi e do alcalde de Lalín que lle fará entrega dun pergamiño e dunha placa conmemorativos.
Ao remate da recepción actuará o tenor Cesáreo Torres no vestíbulo do Concello e haberá tamén algunha outra sorpresa. A participación nestes actos que teñen lugar no Concello son abertos á participación e neles poden tomar parte a veciñanza que o desexe.
Seguidamente terá lugar unha comida organizada por amigos do homenaxeado na explanada do Lalín Arena, amenizada por algunha actuación musical, na que se prevé que participen ao redor dun cento de persoas.
Pachi é un persoa moi querida e respectada en Lalín, como se puxo de manifesto na Gala do Cocido, na que emocionou ao público que ata corearon o seu nome. Leva amenizando festas e eventos por toda a zona durante case seis décadas.