Celebrarase o venres 12 e o sábado 13 de maio a través dunha proposta festiva para compartir en comunidade que abrangue accións para todas as idades
Un seminario de educación sexual e disidencia; pregón a cargo da escritora e activista, Daniela Fernández, e actuacións de Mekanica Rolling Band, Paula Docampo DJ, Enfant Bello, Mondra, Berto e Cool Nenas constitúen o núcleo da programación, que vén de ser aprobada en Xunta de Goberno Local
A fin de semana do Orgullo* de Lalín, os días 12 e 13 de maio, desenvolveranse actividades culturais e educativas con diferentes expresións e identidades de xénero, nun evento que trata de buscar no ámbito rural espazos de convivencia e igualdade de trato e libres de discriminacións.
Unha programación que vén de ser aprobada en Xunta de Goberno Local e coa que o Concello de Lalín, a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, organizará nas rúas do pobo o Día Internacional do Orgullo, unha edición pensada para poñer en valor, visibilizar e fomentar o respecto á diversidade sexual e a convivencia en igualdade a través dunha proposta festiva que compartir e desfrutar en comunidade con propostas para todas as idades.
O venres 12 de maio de 10.15 a 13 h terá lugar no Salón Teatro o VI Seminario de Educación Sexual e Disidencia do Orgullo* de Lalín, dirixido a todos os públicos e orientado principalmente a alumnado de diversos institutos de Galicia, así como a persoas educadoras e cidadanía en xeral. Nel participarán: O Rabelo (músico e activista LGBTIQ* en redes sociais) que presentará o “Son do que eu son”; Nee Barros (activista polos dereitos trans* que se dedica á divulgación cultura e á literatura) con “Liverándome das opresións ligadas ao xénero”; Nuria Vil (poeta e activista LGBTIQ*) con “A poesía faranos libres”; Mario Brión (promotor e xestor audiovisual en redes sociais coñecido como @OLAXONMARIO e finalista nos últimos premios Mestre Mateo como mellor comunicador de televisión) con “Homonormatividade e outros palabros”; Marcos Barreira (da Rede Educación LGBTIQ* de Galicia) con Aulas Diversas e Ana Amigo (doutora pola UDC, investigador e activista) con “As cousas das que nos falan na escola”.
Pola noite, ás 22.00 horas na Praza de Igrexa, haberá espazo musical con Itinerante, da man de Mekanika Rolling Band e a partir das 23.30 h de Paula Docampo DJ.
O sábado 13 de maio ás 12.30 h na Praza da Igrexa terá lugar o pregón do Orgullo* a cargo da investigadora, escritora e activista LGBTIQ*, Daniela Fernández, que contará cunha sesión vermú con Fillas de Cassandra.