-
As inscricións abriranse o día 1 de abril
-
As xornadas estarán conformadas por máis de 20 concertos, conferencias e exposicións de acceso gratuíto para o público en xeral
-
Celebraranse o I Concurso internacional de composición para clarinete “Reveriano Soutullo” no que as obras gañadoras obterán un premio en metálico e a edición posterior da obra, e o Iº Concurso internacional de orquestra “Iº Xacobeo International Clarinet Competition, no que os gañadores poderán participar como músicos activos Real Filharmonía de Galicia, Orquestra Sinfónica de Galicia e Orquestra de Guimaraes
Lalín acollerá o IV Xacobeo Clarinet Fest que terá lugar entre os días 14 e 22 de xullo de 2023 e que incorporará importantes novidades. As xornadas acollerán tanto a estudantes como clarinetistas profesionais e nos que o público xeral poderá desfrutar dos diferentes concertos e actividades programadas.
O Festival e Academia conta con clarinetistas de diferentes nacionalidades, e presenta unha heteroxénea programación distribuída en concertos, exposicións, conferencias así como múltiples clases maxistrais realizadas polos artistas convidados. Os concertos e clases maxistrais, celebraranse en emprazamentos tales como a Praza da Igrexa, o Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa, ou o Auditorio Municipal, sempre co ánimo de abrir o festival ao conxunto da sociedade e acadar así unha maior difusión e asistencia, estando conformado por máis de 20 concertos, conferencias e exposicións de acceso gratuíto para o público en xeral.
NOVIDADES
Acollerase o Iº Concurso Internacional De Composición Para Clarinete “Reveriano Soutullo”, coa idea de poder abrir un espazo para os compositores relacionado co mundo clarinetístico. Neste concurso, orientado á creación de pezas para clarinete solista e conxunto de clarinetes, contarase cun xurado excepcional formado por directores e compositores galegos.
As obras gañadoras obterán un premio en metálico e a edición posterior da obra. Ademais, estrearanse e interpretarán dentro da programación do festival. Terá lugar tamén o Iº Concurso Internacional de Orquestra “Iº Xacobeo International Clarinet Competition”.
Este concurso internacional abrirá as portas ao mundo orquestral a todos/as os participantes. Está orientado a alumnos/as que estean a cursar estudos superiores e másteres, grazas a este concurso poderán optar, como premio, a participar como músicos activos durante a tempada de concertos (2023/2024) de tres grandes orquestras internacionais: Real Filharmonía de Galicia, Orquestra Sinfónica de Galicia e Orquestra de Guimaraes.
Ofertaranse tamén produtos da zona elaborados en formato de petiscos polos restauradores de Lalín e complementados con bebidas artesás e ecolóxicas elaboradas na zona (Cervexa e Hidromel), baixo o lema Xacobeo Clarinet Beer Fest.
ARTISTAS CONVIDADOS
Contarase coa presenza de doce recoñecidos clarinetistas como son os son o holandés Arno Piters, o australiano David Griffiths, o Húngaro-Rumano Tibor Reman, a canadiense Michelle Anderson, os italianos Lorenzo Coppola, Massimo Mazzone, Niccola Giammariano, os portugueses Vitor Matos e Sergio Pires, os españois Juan Ferrer, Wolfgang Puntas, Josep Sancho, Josep Fuster, José Franch Ballester, e os galegos Xocas Meijide e Emilio Alonso Espasandín. Tamén se contará coa presenza de tres grandes pianistas como Alicia González Permuy, Pablo Rodríguez e Cristina Esclapez, considerados como os máximos expoñentes a nivel mundial dentro das súas especialidades. Estarán presentes tamén os mellores constructores de clarinete do panorama mundial como son Selmer, Buffet Crampon, Patricola, Backun ou Yamaha entre outras.
Na programación do Xacobeo Clarinet Fest tamén se dá o feito de posibilitar, introducir e achegar elementos de carácter etnográfico e cultural autóctonos como son a tradición do conto oral e a representación de monicreques, adaptados ambos ao eido musical.