A directora da Fundación Starlight comunicou ao alcalde que Lalín obtivo este prestixioso certificado de calidade tras acreditar o cumprimento dun estritos estándares avalados pola Unesco, a Organización Mundial do Turismo e a Unión Astronómica Internacional
Crespo sinala que “é unha magnífica noticia” que situará a Lalín nunha destacada posición no mapa astronómico e turístico, ao tempo que permitirá poñer en valor a nosa condición de berce da historia da astronomía de Galicia da man do noso Fillo Ilustre Ramón Mª Aller
Tamén hoxe se inaugurou a exposición de fotografía astronómica documentada “Xoias do ceo” que poderá verse no Museo Ramón Mª Aller ata o 29 de abril
Lalín vén de acadar ser Destino Startlight, un sistema de certificación de calidade que outorga a Fundación Starlight, entidade recoñecida a nivel internacional, e que suporá a apertura de novas vías de atracción de turistas e visitantes ligados ao astroturismo, isto é, ao turismo de observación das estrelas e dos ceos.
A directora da Fundación Starlight, Antonia Varela, comunicoulle esta decisión ao alcalde de Lalín, durante a presentación no Museo Municipal dos resultados do Proxecto Destino Turístico Starlight, un proxecto no que o Concello de Lalín vén traballando arreo no último ano da man da concelleira de Cultura e Turismo, Begoña Blanco, e do profesor, catedrático de Astronomía e director de Observatorio da USC, José Ángel Docobo, así como do seu equipo conformado por Pedro Pablo Campo Díaz e Xabier Pérez Couto. Varela confirmou a Crespo a obtención deste distintivo de calidade tras acreditar o Concello de Lalín o cumprimento duns estritos estándares de calidades avalados pola Unesco, a Organización Mundial do Turismo e a Unión Astronómica Internacional.
No acto de presentación de resultados tamén participaron ademais do rexedor; o director do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; a directora do CITMAga (Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia) e profesora da USC, Rosa Mª Crujeiras Casais; e a concelleira de Cultura e Turismo, Begoña Blanco.
O alcalde de Lalín, José Crespo, cualificou de “magnífica noticia” que Lalín veña de acadar ser Destino Turístico Starlight, un distintivo que goza de prestixio internacional e co que se acreditan aqueles espazos de excelente calidade do ceo. Neste sentido remarcou que ser “Destino Startligth ábrenos moitas posibilidades en canto á dinamización turística ligada á observación das estrelas (astroturismo)”.
Fixo fincapé en que “coa obtención deste distintivo de calidade despois de facer ben os deberes, Lalín sitúase no selecto grupo de concellos galegos Startlight e goza dunhas condicións inmellorables, dito polo experto José Ángel Docobo, posto que Lalín é berce da historia astronómica de Galicia, xa que contamos entre os nosos Fillos Ilustres co gran astrónomo Ramón Mª Aller que puxo en marcha este Observatorio, base para fundar o Observatorio da USC, que dirixe maxistralmente o profesor Docobo”.
Así mesmo remarcou que “o Destino Startlight é unha peza claves nos atractivos que queremos potenciar en Lalín para incrementar o interese turístico do noso Concello e situaranos nunha posición destacada no mapa astronómico e científico”. “Estamos nun momento en que as distincións de calidade marcan a diferenza entre converter un destino en máis atractivo que outros e en Lalín temos ese marchamo na gastronomía e con este proxecto terémolo tamén na calidade dos nosos ceos, reforzando así os nosos atractivos turísticos que nos permitirá atraer máis visitantes e turistas a noso pobo dun perfil que ata o de agora non tiñamos e, consecuentemente incrementar o nivel de dinamización do noso pobo”, explicou.
“Hoxe celebramos a consecución deste marchamo de calidade e en adiante agardamos poñelo en valor”, afirmou. Agradeceu á directora da Fundación Starlight a comunicación desta excelente nova (interveu por videoconferencia); ao profesor Docobo e ao seu equipo a súa colaboración por poñer en marcha proxectos interesantes para Lalín e á concelleira de Cultura e Turismo, Begoña Blanco, polo traballo desenvolto en coordinación con Docobo con tan bos resultados.
Tras a presentación de resultados do proxecto Destino Turístico Starlight, tivo lugar a inauguración da exposición de fotografía astronómica documentada “Xoias do ceo” que poderá verse no Museo Ramón Mª Aller ata o 29 de abril.
Antecedentes: na procura dun Destino Starlight para Lalín
A orixe deste importante proxecto está no intento de volver a poñer a Lalín no mapa astronómico. Hai que lembrar que a investigación astronómica en Galicia comezou neste municipio grazas ao traballo exemplar e de excelencia de Ramón Mª Aller Ulloa desde os inicios do pasado século, pasando logo á USC debido á súa incorporación en 1939 e á posterior construción dun novo Observatorio en Compostela en 1943-44.
O emblemático Observatorio de Lalín recuperouse en 2011 logo dun convenio entre o Concello e a USC a través do seu Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller e así púidose dar continuidade en mellores condicións ás distintas actividades astronómicas que, promovidas polo profesor Docobo, xa se viña realizando en Lalín desde 1991 (https://www.usc.gal/astro/lalin.html).
O seguinte paso nesta liña de actuacións era poñer tamén en valor os ceos escuros existentes sobre todo na parte leste do termo municipal e deste xeito, decidiuse tentar acadar unha das distintas certificacións oficiais de calidade de ceo e infraestruturas turísticas que outorga a nivel internacional a Fundación Starlight: destacar a Lalín como berce da historia astronómica de Galicia e ao mesmo tempo os ceos prístinos sobre todo da parte leste do Concello para promoción do turismo científico e extensión cultural da cidadanía.
Entendemos que a mellor das posibilidades era traballar por acadar un Destino Turístico Starlight, dos que xa existen catro en Galicia: Trevinca, A Veiga (Ourense), Muras (Lugo), Parque Nacional Illas Atlánticas (Pontevedra) e recentemente Costa da Morte (A Coruña), ningún deles co pouso astronómico de Lalín.
Para isto, era obrigatorio cumprir un rigoroso protocolo. En primeiro lugar, demostrar que na área correspondente existen as condicións esixibles tanto de ausencia de nebulosidade (menos do 50% anual) e tamén verificar mediante as correspondentes observacións astronómicas a existencia dun ceo transparente, con boa calidade de imaxe (seeing), así como con contaminación luminosa mínima.
Todo isto requiriu a intervención directa de especialistas, como os astrónomos do Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller. Con este fin estableceu un contrato de traballo entre o Concello de Lalín e máis o dito Observatorio Astronómico realizado a través do novo Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga). Dito contrato asinouse en maio de 2022 pero xa antes de dita data e para aproveitar o bo tempo reinante na primeira parte do ano pasado, os traballos iniciáronse en febreiro de 2022 para ir gañando tempo.
O equipo que levou a cabo as distintas operacións tanto loxísticas como técnicas está formado polo profesor José Ángel Docobo Durántez, catedrático de Astronomía na USC e director do Observatorio Astronómico da USC como responsable do mesmo, xunto co Dr. Pedro Pablo Campo Díaz, e o graduado Xabier Pérez Couto, que tiñan a obriga de presentar trimestralmente informes ao Concello sobre os avances da investigación.
Elixiuse como punto de observación un vértice xeodésico na parroquia lalinense de Maceira situado a 743 m de altitude desde o que se domina unha panorámica de 360º, sendo de día un magnífico miradoiro dende o que se ven os principais cumios da Comarca de Deza e a súa contorna: O Farelo, a serra do Faro, o Candán, o Carrio e incluso o Pico Sacro cara a Compostela. Por outra banda, de noite é un lugar privilexiado dende onde se pode contemplar o ceo en todo o seu esplendor incluíndo unha perfecta vista da Vía Láctea.
Ademais deste lugar, suxírense outros dous puntos de observación, un deles nun outeiro sito en Albarellos e outro moi preto da Fraga de Catasós.
Unha vez rematados con éxito todos os traballos de campo, outra das condicións esixibles era que o Pleno do Concello se adherise á Declaración de La Palma en defensa do ceo escuro para desfrute actual e das vindeiras xeracións como ben imprescindible para a ciencia e a cultura dos pobos. O Pleno de Lalín aprobouno por unanimidade o 24 de febreiro de 2023.
O seguinte chanzo foi a recepción dos auditores, cuxa misión era verificar que todo o feito satisfacía as condicións obrigatorias de calidade, non só astronómicas senón tamén de infraestruturas turísticas e patrimonio cultural e natural. Aquí foron fundamentais dúas cousas: primeiro todas as actividades de divulgación desenvolvidas en Lalín tanto no Museo como logo tamén no recuperado Observatorio, que demostraban un alto interese das xentes de Lalín tanto pola observación astronómica en si como pola figura de Ramón Mª Aller e, por outra, a calidade da páxina web de Turismo de Lalín.
O día 27 de febreiro achegouse o primeiro dos auditores, que foi recibido pola concelleira Begoña Blanco e máis polos profesores Docobo e Campo. Nesta ocasión tratábase de todo o relativo a actividades astronómicas e recursos turísticos. O equipo de traballo levouno ao alto do Costado, ficando impresionado ante este punto estratéxico de observación. A segunda auditoría tivo lugar online estando esta relacionada con todas as observacións efectuadas ao longo dun ano. Tamén se interesou sobre o alumeado público de Lalín e as súas características técnicas.
A mediados de marzo o CITMAga completou o expediente dirixido á Fundación Starlight, ficando todo feito á espera de que a directora da Fundación Starlight procedese á concesión da certificación Destino Startlight que se vén de conseguir hoxe e que dará un salto de calidade turística e científica a Lalín.