Datado en 1845 e considerado o primeiro mapa cartográfico de España feito con criterios científicos, Fontán dedicou 17 anos a facelo, percorrendo a pé e a cabalo Galicia enteira
Agradécese este xesto de xenerosidade á familia doadora por posibilitar que esta xoia do patrimonio documental galego pase a formar parte do patrimonio dos lalinenses
Ademais do seu alto valor propio, para Lalín ten unha especial relevancia xa que existe unha vinculación cun dos seus Fillos Ilustres, o Matemático de Bermés, que foi mestre de Domingo Fontán
Para outorgarlle a consideración que este ben se merece, o Concello xa comezou a tramitación para levar a cabo a intervención de conservación e restauración do mesmo e garantir así a súa conservación nas mellores condicións posibles de cara a que as futuras xeracións poidan seguir gozando desta obra mestra
O Concello de Lalín vai recibir da familia Aller Rivas unha doazón dun exemplar da “Carta Xeométrica de Galicia dividida nas súas provincias”, obra do pai da cartografía moderna, Domingo Fontán, datado en 1845 e que constitúe unha xoia do patrimonio documental cultural. Así se recolle nun acordo que vén de aprobar a xunta de goberno local e no que se faculta ao alcalde de Lalín para asinar a acta de entrega e recepción deste ben obxecto da doazón.
Desde o Concello de Lalín agradécese enormemente a xenerosidade e o máximo agradecemento á familia Aller Rivas por realizar esta doazón altruísta ao Concello de Lalín de tan emblemático e relevante ben documental, un dos poucos exemplares existentes conservados do coñecido popularmente como “Mapa de Domingo Fontán” que restaurará para garantir a súa axeitada protección e conservación. Xa que logo considérase unha honra aceptar a doazón de tan significativa documento que pasará a formar parte do patrimonio dos lalinenses.
A peza que doarán aos catro irmáns Aller Rivas está constituída por 12 pranchas gravadas e encoladas sobre tea e ten unhas dimensións de 235 cm. de alto por 237 cm. de ancho, sendo unha obra de grandes dimensións. Trátase dun documento crucial na historia de Galicia, ao tratarse do primeiro mapa rigoroso da xeografía da nosa comunidade e supuxo un adianto técnico moi avanzado, introducindo os métodos científicos no cartografado do territorio.
O ano de realización é o 1845, e o gravador L. Bouffard. Trátase dun ben cultural crucial na historia de Galicia, ao ser o primeiro mapa feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas (medición de bases, triángulación, aritmetría barométrica, etc.). O profesor Domingo Fontán dedicou 17 anos a cartografar Galicia aproveitando os avances científicos procedentes de Francia, e desenvolveu unha rede xeodésica, establecendo puntos de medición e realizando neles todo tipo de cálculos astronómicos, para os que empregou instrumentos cedidos pola Universidade de Santiago e adquiridos en París e Londres. Para elaborala, percorreu pé e a cabalo Galicia enteira. No mapa, sitúanse as 4.000 igrexas das parroquias galegas e todos os accidentes xeográficos importantes, alcanzando un nivel de detalle que non foi superado ata a aparición da fotogrametría aérea.
Ademais do seu alto valor propio, para Lalín ten unha especial relevancia xa que existe unha vinculación cun dos seus Fillos Ilustres, o Matemático de Bermés, personaxe tamén capital na historia científica a nivel internacional -a quen o Concello de Lalín honra mañá mediante a descuberta dun novo busto na súa parroquia natal, Bermés-, e que foi mestre de Domingo Fontán, o primeiro cartógrafo científico de Galicia.
Este documento non so é un é un obxecto de culto entre os xeógrafos e historiadores, senón que se trata dunha peza moi apreciada entre as coleccións de referencia coma poden ser a do Museo Arqueolóxico de Ourense, a da Universidade de Santiago, ou a do Museo Provincial de Lugo, que o teñen exposto de xeito permanente.
Para outorgarlle a este ben a consideración que merece, o Concello xa comezou a tramitación para levar a cabo unha intervención de conservación e restauración sobre o mesmo. Estamos a falar dun obxecto realizado fai case dous séculos (178 anos), polo que o tratamento fomentará unha axeitada observación dos detallados elementos xeográficos galegos plasmados na superficie do material. Ademais, permitirá que se garanta a súa futura conservación nas mellores condicións posibles, de cara a que as futuras xeracións poidan seguir gozando desta obra mestra, como dicimos moi vinculada ao municipio por medio dun dos nosos Fillos Ilustres.