Crespo aludiu a que este Cocido Solidario “foi o máis multitudinario da historia”; fixo fincapé en que “o interior galego existe” e remarcou “a perfecta simbiose que xorde entre o Cocido e Lalín así como “na ferramenta económica de primeiro nivel que é”
Agradeceu a Carballeda e á ONCE a súa implicación, destacou a excelencia dos produtos lalinenses cos que se elaborou integramente este Cocido e incidiu no importante labor que desenvolveron os sete cociñeiros locais desprazados á capital
Agradeceu tamén a Reyes Maroto por recoñecer o Cocido de Lalín como a primeira Festa de Interese Turístico Internacional de España
Hoxe tivo lugar no recinto de IFEMA o Gran Cocido de Lalín con Sabor Solidario que reuniu a máis de 1.600 persoas e que contou coa participación do alcalde de Lalín, José Crespo; do alcalde de Madrid José Luís Martínez Almeida; do presidente da ONCE Miguel Carballeda; do presidente da Federación Española de Bancos de Alimentos, Gregorio Pérez; da directora de Mensajeros de la Paz, Nieves Tirez; do vicepresidente da Comisión Europea Margaritis Schinas; e dos titulares do Goberno galego responsables das carteiras de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez e de Política Social e Xuventude, Fabiola García, respectivamente; Reyes Maroto, ex ministra de Industria, Comercio e Turismo e Ana Pastor, Vicepresidenta Segunda do Congreso doos Deputados
O alcalde de Lalín, José Crespo, anunciou que “este é o Cocido máis multitudinario da historia dos Cocidos de Lalín, e que mellor que sexa cun cocido solidario no que podamos colaborar para recadar fondos para os que máis o necesitan”. Crespo agradeceu “ás máis de 1.600 persoas que se congregaron no pavillón de IFEMA para poñer o seu grao de area nas boas causas” e fixo especial fincapé en que “este Cocido Solidario foi unha idea de Miguel Carballeda, ao que me unín en canto o dixo por primeira vez, e puxémonos a traballar desde o equipo da Alcaldía de Lalín onde estivemos en constante contacto con José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, a quen lle agradezo todas as súas facilidades á hora de traballar cóbado con cóbado”.
O rexedor lalinense, tamén convidou a todos os que o desexen “a acudir ao interior galego, xa que non soamente nas zonas da costa galega existe boa gastronomía, e claro exemplo o temos hoxe aquí co Cocido de Lalín”. Neste sentido defendeu o Cocido como “unha ferramenta económica de primeiro nivel que foi a declarada a primeira Festa de Interese Turístico Gastronómico Internacional de España”. “E é que a gastronomía é un banderín de enganche perfecto para atraer visitantes doutras comunidades”, subliñou ao tempo que. fixo especial fincapé en que “Cocido e Lalín son unha simbiose perfecta” e resaltou que “todos os produtos son de Lalín, incluída a auga”.
Finalmente, amosou a “gratitude eterna” a Carballeda e Donoso e tamén amosou agradecementos a “Ramiro Ruibal e a Manuel Vilariño así como a implicación dos patrocinadores Cárnicas Anzo e ViniGalicia, así como aos sete cociñeiros lalinenses que elaboraron este Cocido Solidario”. Tivo tamén palabras de agradecemento para a ex ministra de Industria, Comercio e Turismo por recoñecer o Cocido de Lalín como a primeira Festa de Interese Turístico Internacional de España.
Pola súa parte, o alcalde de Madrid, José Luís Martínez Almeida, destacou “o grande labor social que está a facer o Grupo Social ONCE quen en canto poden axudan, o que lles facilita moito a vida a outras persoas”. Agradeceu a “Miguel Carballeda, presidente da ONCE, e ao vicepresidente da Comisión Europea, Margaritis Schinas, por asistir a un evento solidario tan importante e a todos os que o fixeron posible”. Recordou tamén que como Comendador que é do Cocido, “teño a obriga de levar a cabo dúas tarefas, comer polo menos un cocido ao ano, e propagar por todos os lugares o Cocido, cousa que non é nada difícil dada a súa calidade”.
O presidente do Grupo Social ONCE, Miguel Carballeda, fixo especial fincapé en que “desde o noso grupo pretendemos axudar ao maior número posible de persoas con necesidade, por iso vanse entregar dous cheques de 30.011 euros cada un a dúas entidades, Mensajeros de la Paz e á Federación Española de Banco de Alimentos”. Destacou tamén que “con estas achegas dun total de 60.022 euros, axudarase a persoas que están a pasar dificultades en España e tamén en Turquía a raíz do terrible terremoto sufrido recentemente”.
Agradeceu a todos os que fixeron posible a celebración do Cocido e tamén a presenza de parte do Goberno autonómico galego, con Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades e Fabiola García, conselleira de Política Social e Xuventude.
O alcalde de Lalín foi o encargado de facer entrega do cheque de 30.011 euros ao presidente da Federación Española do Banco de Alimentos, Gregorio Pérez Calvo, mentres que Carballeda lle fixo entrega doutro cheque de 30.011 euros a directora de Mensajeros de la Paz, Nieves Tirez.
Houbo tamén un irmanamento entre o Cocido de Lalín e o Cocido Madrileño que producíndose un intercambio de detalles institucionais (bandexas prateadas) en mostra de unión entre Álex Cabanas en representación dos cociñeiros lalinenses e o presidente da Confederación Empresarial Española de Hostalería de España, José Luis Yzuel. Tamén Cabanas lle entregou a Yzuel un “Testiño” como símbolo do Cocido de Lalín.
José Luis Yzuel, destacou o “enorme éxito deste Gran Cocido de Lalín con Sabor Solidario” diante dos sete cociñeiros lalinenses que elaboraron os máis de 1.600 cocidos, pertencentes aos restaurantes de Casa Currás, Casa Sanmartín de Corpiño, Las Palmeras, Mesón O Cruce, Restaurante Cabanas, Restaurante La Robleda, e Restaurante Villanueva.
OS DATOS
Co recadado neste Gran Cocido Solidario con Sabor a Lalín, daráselle cobertura, por unha banda a 400.000 nenos para garantirlles o leite polo menos durante dous meses e por outra banda a máis de 1.600 persoas diariamente que o perderon todo no terremoto de Turquía.