O alcalde de Lalín vén de asinar co presidente ATEGAL un convenio que contempla unha achega municipal a ATEGAL de 6.000 €, dado o éxito acadado no primeiro ano de vida
Lalín é o único concello de Galicia en facer unha achega a ATEGAL para o desenvolvemento das actividades tal como onte puxo de manifesto a conselleira de Política Social, Fabiola García, que tomou parte no I Aniversario da Aula Sénior Lalín e que tamén estivo presente na firma deste convenio, xunto á tenente alcalde e concelleira de Política Social, Paz Pérez
O Concello de Lalín vén de renovar a colaboración para este ano 2023 con ATEGAL. Aulas Sénior de Galicia, que permitirá continuar desenvolvendo o amplo programa de actividades de envellecemento activo que está a levar adiante a Aula Sénior Lalín. Unha Aula Sénior Lalín que suma preto de 150 participantes e que vén de celebrar no día de onte o seu primeiro aniversario nun acto que contou coa presenza do alcalde de Lalín; da conselleira de Política Social; do presidente de ATEGAL; do director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria e da concelleira de Política Social e tenente alcalde no que se puxo en valor o traballo desenvolto neste primeiro ano de andaina, grazas tamén á colaboración da Xunta de Galicia e de ATEGAL.
Mediante o convenio de colaboración asinado no día de onte entre o rexedor lalinense, José Crespo, e o presidente de ATEGAL, Ángel Fagilde, o Concello de Lalín achegará a esta asociación dedicada á formación permanente para persoas adultas un total de 6.000 € que posibilitarán proseguir coas actividades da Aula Sénior Lalín con motivo do éxito acadado. No acto tamén estiveron presentes a titular autonómica Fabiola García; a concelleira de Política Social, Paz Pérez e o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo.
A través desta achega municipal, e como novidade recollida neste convenio, as persoas poden desfrutar de actividades como inglés, pintura ao óleo, acuarela e, debido á gran demanda, da implantación dun segundo grupo de estimulación cognitiva. Tamén se continuará ofertando historia da arte e manexo de smartphone.
Desta forma, ofréceselle aos usuarios un abano de posibilidades moi diverso co que se pretende dar cabida á demanda que poida xurdir na contorna local nun marco de actuación para unha vida activa, saudable e independente obtendo un lugar onde as persoas poidan envellecer dignamente e con calidade de vida.
Cómpre destacar, tal como puxo de manifesto a conselleira de Política Social onte na celebración do primeiro aniversario de Ategal, que o Concello de Lalín é o único municipio de Galicia en facer unha achega a Ategal para a promoción destas actividades, algo que denota a implicación e o compromiso social do municipio.