O alcalde de Lalín, José Crespo, recibiu a Óscar Rapado tras ser galardoada a súa tese doutoral como a mellor de España no eido das Ciencias da Vida e da Saúde. Esta tese está relacionada coa identificación de novos marcadores xenéticos en pacientes con cancro. Estivo acompañado polo edís Avelino Souto e Carmen Canda.
Tal e como menciona Crespo, “trátase dun lalinense de primeira que lle proporciona á nosa comarca visibilidade da mellor forma posible”. Agradeceulle o esforzo a Rapado “por construír un mundo mellor xa que os logros acadados son beneficiosos para todos e terán un elevado impacto social”.
Óscar Rapado, natural de Gresande (Lalín), é Licenciado en Odontoloxía pola USC. Obtivo o premio Extraordinario ao mellor expediente académico nos anos 2009 ao 2014. Defendeu a tesina da licenciatura obtendo unha cualificación de sobresaínte e dende o ano 2017 que comezou a súa tese doutoral, estivo a participar en numerosos grupos de investigación. A tese obtivo o destacamento de sobresaínte Cum Laude, a maior distinción que se pode acadar.
Desta investigación doutoral, derivaron 17 artigos científicos publicados en revistas indexadas no Journal Citation Reports. Ademais, participou na redacción e publicación de 3 capítulos de libro. Durante estes anos puido difundir os resultados científicos en diversos congresos nacionais (CINBIO, CIBERONC) e internacionais (11th ISMRC, 4th ACTC) así como de colaborar como membro investigador en varios proxectos autonómicos. Por outra banda, colabora tamén en tarefas docentes do Departamento de Cirurxía e Especialidades Médico Cirúrxicas no Área de Estomatoloxía da USC.
Obtivo o diploma de Docencia Universitaria, acreditado con máis de 100 horas de formación docente (Programa de Formación e Innovación Docente, USC). Recentemente vén de conseguir unha bolsa do programa de axudas de apoio á etapa de formación postdoutoral da Axencia Galega de Innovación (GAIN) que lle permitirá continuar coa súa formación durante os vindeiros anos.
Neste senso, Crespo fixo especial fincapé en que “unha vez máis, un de Lalín destaca para ben no avance da sociedade e do coñecemento”.