- Crespo agradeceu a total implicación dos veciños da parroquia de Barcia
- Os oficiantes presentes portaron vestimentas de tipo tradicional: boina e chaleco no caso do vestiario masculino e toquilla, camisa branca, falda de época e mandilóns, no caso da indumentaria feminina
- Xoán Carlos García Porral e Manuel Vilariño narraron o desenvolvemento da Matanza
A XXIII Matanza Tradicional, que hoxe tivo lugar en Barcia, acolleu a máis dun milleiro de participantes. Foi unha das edicións máis concorridas na que o tempo acompañou e fixo que se achegaran a esta parroquia un sen parar de persoas desde primeiras horas desta xeada mañá.
O alcalde José Crespo, agradeceu enormemente a total dispoñibilidade que os veciños da parroquia tiveron dende o primeiro momento no que se lles propuxo ser anfitrións da Matanza e, sobre todo, agradeceu de primeira man a José Manuel Presas López, veciño que cedeu a casa para poder levar a cabo a reconstrución da Matanza Tradicional do Porco. Mesmos agradecementos tamén da man do edil de zona, Avelino Souto, que tamén tivo un recoñecemento para o matachín, Mauro, así como a todos os veciños que traballaron na organización citando ás mulleres que fixeron máis de 200 bandexas de sobremesas (orellas, filloas, rosquillas, flores, cañas, etc.).
Asistiron tamén unha nutrida representación de membros da Corporación, todos os do goberno, entre o que se atopa Carmen Canda, tamén natural de Barcia; ademais do conselleiro de Cultura e da directora xeral de Xuventude, tamén natural desta parroquia.
O porco, un exemplar de 180 quilogramos en canal, foi transportado como tradicionalmente se facía, nun carro tirado por vacas e foi levado ao lugar do seu despece. Tras a Matanza, houbo unha degustación de produtos típicos como a costela, torresmos e chourizos, ao redor duns 200 quilogramos. A maiores, a veciñanza aportou as ditas sobremesas típicas.
Por outra banda, a celebración da Matanza foi narrada e comentada polo profesor e doutor en Antropoloxía Social, Xoán Carlos García Porral, natural de Cotarelo, na parroquia de Goiás, quen ten unha publicación sobre a mesma, titulado “A Matanza do Porco: cultura e tradición” e polo xornalista Manuel Vilariño. Achegou aos visitantes aspectos historiográficos, etnográficos, culturais e ata anecdóticos ao redor deste evento que está tan enraizado nas nosas tradicións.
Os oficiantes presentes, portaron vestimentas de tipo tradicional: boina e chaleco no caso do vestiario masculino e toquilla, camisa branca, falda de época e mandilóns, no caso da indumentaria feminina.
Finalmente, esta edición contou tamén con actuación musical, que estivo a cargo da orquestra Reflejos.