- A responsable da Axenda Urbana e tenente alcalde subliña que no encontro, que tivo lugar esta semana, facilitóuselle á nova técnica a información necesaria para o desenvolvemento do seu novo posto e trasladóuselle o plan que desde o Concello de Lalín se está a executar para darlle vida a esta “folla de ruta” na que se asentan as bases das liñas de acción estratéxica de Lalín no horizonte de 2030
- Ademais tamén se abordaron temas como a futura actualización do documento da Axenda Urbana adaptando os proxectos estratéxicos do mesmo ao Plan de Actuación Integrado “Lalín Próximo” cuxa subvención se vén de solicitar con cargo aos novos fondos FEDER, o desenvolvemento de propostas para continuar co traballo de achegamento á veciñanza das áreas parroquiais ou a vindeira reunión da Comisión de Seguimento
A responsable da Axenda Urbana de Lalín, a tenente de alcalde Paz Pérez Asorey, indica que “nesta semana levouse a cabo unha reunión de seguimento e posta ao día da Axenda Urbana de Lalín (AUL) coa nova técnica, Ángela Vilar Gónzález, que se incorpora ao grupo da Axenda Urbana”.
Paz Pérez explica que <neste encontro de traballo se lle facilitou á nova técnica a información necesaria para o bo desenvolvemento do seu novo posto e trasladóuselle o plan que desde o Concello de Lalín se está a executar para darlle vida a esta “folla de ruta” que é a Axenda Urbana de Lalín, sentando as bases das liñas de acción estratéxica para o desenvolvemento de Lalín co horizonte 2030>.
A Axenda Urbana xunto co Plan Estratéxico de Acción Local (PEAL) teñen como obxectivo levar a cabo a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) coa execución dun programa futuro que sirva de guía e permita establecer aqueles criterios que deben orientar ao municipio no desenvolvemento dos seus proxectos.
A tenente alcalde e responsable da Axenda Urbana subliña que na xuntanza <tratáronse temas como a futura actualización do documento da Axenda Urbana adaptando os proxectos estratéxicos do mesmo ao Plan de Actuación Integrado (PAI) “Lalín Próximo” da Estratexia Integrada de Desenvolvemento Local (EDIL), sobre o que se solicitou, no pasado mes de febreiro, a subvención financiada cos novos fondos FEDER para o novo período 2021-2027>.
Lembra ao respecto Pérez que “tal como demos a coñecer no mes de febreiro, tras o encontro que mantivemos o 31 de xaneiro para presentarlle a EDIL a todos os grupos políticos que compoñen a Corporación, neste Plan concrétanse cinco proxectos engadidos no programa de implementación:
- Proxecto 1. Equilibrio Rural Urbano: desenvolvemento dos núcleos de centralidade das áreas parroquias.
- Proxecto 2. Parque etnográfico de Donramiro: recuperación e valorización do castro e núcleo tradicional.
- Proxecto 3. Calidade Urbana e Sustentabilidade: rexeneración urbana na améndoa central.
- Proxecto 4. Comercio de Proximidade: modernización e reactivación do mercado e comercio local.
- Proxecto 5. Deporte e inclusión: desenvolvemento de infraestruturas sociodeportivas.
Iniciativas de difusión e achegamento á veciñanza do concepto de área parroquial
“Ademais, puxéronse enriba da mesa propostas para continuar co traballo de desenvolvemento das áreas parroquias, de maneira que se recuperen as reunións cos pedáneos das diferentes parroquias como xa se celebraron con anterioridade, formacións sobre a Axenda Urbana e novas propostas de comunicación para achegar ao cidadán o concepto de área parroquial”, subliña Paz Pérez.
Resumo da evolución do plan de acción na vindeira Comisión de Seguimento
“A súa vez traballouse na elaboración do documento resumo de evolución do plan de acción da Axenda Urbana 2030 que se presentará na próxima Comisión de Seguimento, na que, ao igual que nas anteriores convocatorias, informarase daqueles proxectos presentes ou futuros asociados a actuacións encadradas dentro da Axenda Urbana e que permitan a execución dos obxectivos estratéxicos que persegue a Axenda Urbana Española”, sinala.
Actualización da web cunha nova pestana denominada “observatorio de indicadores”
<En concordancia coa consecución e comunicación dos obxectivos, informouse da actualización da web axendaurbana.lalin.gal na que se engadiu, ademais de información actualizada, unha nova pestana denominada “observatorio de indicadores” no que se compartirá a evolución dos indicadores descritivos e dos indicadores de seguimento tanto cuantitativos como cualitativos ao respecto do cumprimento dos obxectivos>, remarca.
“En definitiva, esta reunión foi unha primeira e moi positiva toma de contacto da nova traballadora do Concello coa Axenda Urbana”, conclúe.