Reforzaranse todos os corpos de seguridade durante a fin de semana grande da Feira
O concelleiro de Seguridade Cidadá, Pablo Areán, explica que “os dispositivos tanto para a Gala como para a Feira do Cocido serán similares aos do ano pasado” e “suporán un reforzo de todos os corpos de seguridade durante a fin de semana grande da Feira, xa desde o mesmo venres 21 de febreiro en que se celebra a Gala; continuando o sábado 22 ata o domingo 23 de febreiro, día grande da Feira”.
O edil remarca que “para a Gala prevese o corte da Avenida Xosé Cuiña desde o venres pola tarde ata finalización da Gala, desde a rotonda de Donramiro á rotonda do Concello, hora que se determinará en función da afluencia de xente que vaia chegando”. “De xeito similar ao ano pasado, habilitaranse dúas entradas ao Lalín Arena, unha pola entrada principal e a outra pola parte lateral, con acceso directo a nivel das pistas, ambas as dúas valadas para o control de acceso”, sinala.
Este ano como novidade reservaranse as tres primeiras filas para os espectadores máis novos que durante as actuacións poderán levantarse, bailar e achegarse ao escenario, como se fose un concerto.
O concelleiro informa que “a apertura de portas para a Gala terá lugar sobre as 20.30 horas e recoméndase na medida do posible que a xente acuda con suficiente antelación para permitir un acceso ordenado e sen aglomeracións ao recinto”. “No caso de que as condicións meteorolóxicas sexan adversas valorarase a posibilidade de abrir un pouco antes para reducir o tempo de espera da xente”, afirma.
Non se permitirá o acceso con bebidas alcohólicas ao Lalín Arena
Pablo Areán fai fincapé en que “o dispositivo de seguridade do día da Feira do Cocido estará constituído por dúas ambulancias, dous camións de Bombeiros, Emerxencias Lalín, Policía Nacional, Policía Local, Garda Civil e por AXEGA”, precisa Areán. “Haberá presenza dun camión de AXEGA, que estará conectado a diversas cámaras situadas por todo o casco que permitirán controlar con anticipación posibles incidencias de tráfico, sobre todo, nas entradas ao pobo”, explica. É de destacar que non se permitirá o acceso con bebidas alcohólicas ao recinto.
Día Grande da Feira
O responsable municipal subliña que “desde primeira hora da mañá (8 h) do domingo, 23 de febreiro, estará prohibido estacionar na zona do Regueiriño para a celebración dos actos oficiais do Cocido”. “Así mesmo todo o percorrido da comitiva estará libre de estacionamentos e a rúa Molinera e rúa Joaquín Loriga estará valada desde ABANCA ata o KM0”.
Areán avanza que “o palco, como todos os anos, estará situado no Km0, orientado cara á Praza da Igrexa”. “Indicar que, coma vén sendo habitual, as rúas onde se celebre o percorrido de desfiles e comparsas estarán valadas, ademais de que estará prohibido estacionar nelas: Avda. de Buenos Aires; rúa Joaquín Loriga e Principal”. “Ademais reservarase estacionamento no entorno da Praza dos Cabalos, na rúa da Matemático Rodríguez e rúa da Ponte para as carrozas, que van rematando o percorrido”, subliña. “Así mesmo na parte alta da Avda. de Buenos Aires resérvase zona de estacionamento para recibir as carrozas, charangas e comparsas para ordenalas de cara á súa saída ao desfile da Feira do Cocido”, precisa.
Estacionamento
Por último, o edil recomenda aos veciños e visitantes que “boten man das grandes bolsas de aparcamento na periferia do casco, principalmente, nas explanadas dos centros comerciais”. “Os autobuses disporán de espazos específicos de estacionamento reservados na zona do Regueiriño, no Agro de Lalín de Arriba, no parking do Carrefour e na parte traseira do aparcamento inferior do Lalín Arena”.