- Incrementouse o número de árbores adquiridas respecto do ano pasado
A concelleira de Medio Ambiente, Raquel Lorenzo, participou este mediodía na Praza do Concello na entrega das 1.240 árbores que foron adquiridas pola veciñanza no marco da campaña de repoboación forestal “50.000 árbores +” 2025, iniciativa municipal en favor dos nosos bosques e do medio ambiente e de loita contra o cambio climático. Unha iniciativa que incrementa o seu ritmo respecto o ano pasado na que se venderon algo máis de 1.100 árbores. Tamén tomou parte neste reparto a edil de Promoción Económica, Comercio e Emprego, Beatriz Canda.
Nesta 28ª edición distribuíronse entre os lalinenses compradores das árbores un total de 388 lotes que irán destinados á repoboación forestal do noso concello. O lote máis solicitado foi o nº 3 (plantas ornamentais) cun total de 102 lotes vendidos e un total de 510 árbores, que se compón de 2 maceiras enxertadas, 1 pereira enxertada, 1 ameixeira enxertada e 1 cerdeira enxertada.
A distribución dos restantes lotes foi:
- Lote nº 1: 2 castiñeiros enxertados: 47 lotes (94 árbores)
- Lote nº 2: 8 nogueiras: 17 (136 árbores)
- Lote nº 3: 2 maceiras enxertadas, 1 pereira enxertada, 1 ameixeira enxertada e 1 cerdeira enxertada: 102 (510 árbores)
- Lote nº 4: plantas ornamentais: 1 acivro, 1 rosal, 1 camelia xapónica e 1 azalea xapónica: 28 (112 árbores)
- Lotes agasallos: 2 castiñeiros híbridos resistentes á tinta que se entregaron de xeito gratuíto por cada lote: 194 lotes (388 árbores)
Con esta campaña, coa que en Lalín se levan plantando árbores desde 1994, conséguense beneficios ambientais como a redución da pegada do carbono, a conservación da biodiversidade ou a redución da erosión do chan, e ademais sensibilízase sobre a importancia destes valores ás novas xeracións.