A 25ª edición terá lugar este domingo 16 de febreiro a partir das 10.30 horas na casa de Amorín, organizada pola veciñanza de Catasós, da man do pedáneo e do Concello
-
Cuñarro comprobou cos veciños de Catasós o avance dos preparativos e tamén os traballos de desbroce e limpeza que a brigada de Obras do Concello está a ultimar no lugar
-
Máis de 150 persoas traballan na organización
-
Será a primeira vez que unha muller exerza de matachina
-
O aparcamento estará situado moi preto do lugar e debidamente sinalizado
A XXV Matanza Tradicional do Porco celebrarase o vindeiro domingo, 16 de febreiro, na casa de Amorín, en Antuín, na parroquia de Catasós. Nestes días a veciñanza de Catasós, da man do pedáneo da parroquia, Antonio Fernández Fernández, e do Concello, a través da coordinación do concelleiro de Festas e de zona, José Cuñarro, ultiman os derradeiros preparativos de cara ao reparto de tarefas e a recreación escenificada da Matanza.
Precisamente José Cuñarro vén de manter in situ un encontro cos representantes dos veciños de Catasós, Diego Villamayor Alvarellos, da Asociación veciñal cultural Santiago de Catasós e Darío Froján Freire, da Asociación de Veciños de Catasós, asociacións de veciños que xunto ao pedáneo Antonio Fernández e ao Concello van a levar adiante a Matanza o vindeiro domingo ao estilo tradicional, como se facía antano na inmensa maioría das casas lalinenses. En total están a traballar na organización máis de 150 de persoas.
Cuñarro supervisou tamén os traballos de limpeza e desbroce que, no lugar, está desenvolvendo a brigada de Obras do Concello, próximos ae rematar. O concelleiro remarca que a casa de Amorín está totalmente preparada para acoller a Matanza; ao igual que o forno tradicional de pedra onde se cocerá pan como antigamente.
O dito inmoble data en orixe do século XVIII e tivo a última reforma importante en 1850. É polo tanto unha casa centenaria, con forno, alpendre acondicionado para labores diarios, curro, lareira, corredor como había antigamente nas casas de labranza, hórreo de tres claros e amplo saído e enlousado de pedra, explica o edil, ao tempo que agradece á familia Amorín a cesión da casa para a realización do evento. Fai fincapé en que “unha das cousas que máis vai impresionar á xente é o enlousado de pedra que ten a eira, que antigamente facilitaba o labor de limpeza do gran cando se mallaba”.
Este ano será a primeira vez que unha muller exercerá de matachina, correndo a cargo de Luisa Batán. Haberá tamén representación de oficios tradicionais como calceta, ganchillo, tapicería, palillería, afiadores, cosido ou debullado do millo.
A celebración da Matanza estará narrada e comentada polo xornalista de Radio Lalín, Gúmer Portas, e polo Cronista Oficial de Lalín e Comendador do Cocido, Daniel González Alén, que achegarán aos visitantes aspectos historiográficos, etnográficos, culturais e mesmo anecdóticos ao redor deste evento que está tan enraizado nas nosas tradicións.
O porco será un exemplar lalaíno de máis de 180 quilos, fillo de nai celta e pai Duroc, un exemplar semellante aos porcos que se sacrificaban antigamente nas casas galegas, criado fóra e alimentado con landras e castañas, con propiedades óptimas cara á salga da carne e á elaboración de chourizos.
Aparcamento sinalizado
En canto ao aparcamento, xa están as entradas feitas para que sexa fácil de aparcar: unha enfronte do campo da festa e outra antes de chegar ao campo a man esquerda, ambas as dúas moi preto do lugar onde se celebra a Matanza. Deste xeito o aparcamento estarán debidamente sinalizado tanto pola organización como por Emerxencias Lalín.
O evento estará amenizado por Os Dezas de Moneixas durante a mañá e despois da degustación, pola tarde, actuará o dúo Dilema.
Programa horario (aproximado)
-
10.30. Inicio da recreación da Matanza.
-
10-30 a 13 h. Mostra de oficios tradicionais.
-
13 h. Remate das tarefas de recreación da Matanza.
-
13 a 13.30 h. Pausa para facilitar que a xente se desprace desde a casa de Amorín ata a carpa.
-
A partir das 13.30 (na carpa): Degustación de produtos típicos do porco: panceta, chourizo, costela, pan, viño e auga.