O material bibliográfico do que dispón a Biblioteca sobre Rosalía e Laxeiro é moito maior do que está exposto, polo que calquera usuario pode solicitar os exemplares que desexe
A Biblioteca Municipal Varela Jácome organiza unha pequena mostra da obra de Rosalía de Castro e de Laxeiro con motivo da celebración, o vindeiro 23 de febreiro -día tamén da Feira do Cocido- da conmemoración do seu nacemento (188 anos do nacemento de Rosalía e 117 do de Laxeiro). Unha exposición que poderá verse ata finais de febreiro e que este mediodía foi visitada pola concelleira de Cultura, Paz Pérez.
Cómpre indicar que o material bibliográfico do que dispón a Biblioteca sobre Rosalía e Laxeiro é moito maior do que está exposto, polo que calquera usuario pode consultar o catálogo e solicitar os exemplares que desexe.
Por outra parte, hai que lembrar que a Biblioteca tamén alberga ata pasado o Entroido unha mostra sobre a 57ª Feira do Cocido e sobre o Carnaval, con decoración típica destas datas (debuxos de porquiños, caretas, refráns e receitas típicas destas festas) e con libros sobre a Feira do Cocido e sobre o Carnaval en Galicia, ademais de incluír cómics e outras publicacións para a cativada que teñen como temática as celebracións deste mes.