-
Trataríase de ver a posibilidade de crear solo industrial cunha tramitación máis áxil a través da nova fórmula do ZAPES que impulsa a Xunta de Galicia, como fórmula paralela á consecución de máis solo industrial a través da ampliación da 4ª fase do Lalín 2000
O alcalde de Lalín, José Crespo, mantivo, xunto co concelleiro de Urbanismo, Pablo Areán, unha primeira reunión a modo de toma de contacto con empresarios para ver a posibilidade de desenvolver solo industrial de iniciativa privada.
Un encontro no que tomaron parte sobre unha trintena de empresarios, coa intención de ter solo industrial de iniciativa privada, ante a posibilidade posta enriba da mesa pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, de desenvolver solo industrial cunha tramitación máis áxil a través da figura denominada ZAPES (Zona de Aceleración de Proxectos Empresariais).
Na xuntanza acordouse que os empresarios comunicasen ao edil de Urbanismo, Pablo Areán, os metros que precisarían para ver despois, segundo as peticións recibidas, como se podería desenvolver, toda vez que o Lalín 2000 está en fase de expropiación e a 4ª fase se vai acometer con inmediatez, e tendo en conta que coa nova normativa da Xunta o solo industrial se vai poder desenvolver en solo rústico que non estea protexido.
Trátase dunha fórmula paralela para a consecución de máis solo industrial que se xestionaría de forma simultánea á ampliación que fai Xestur da 4ª fase de Lalín 2000.