-
O pedáneo de Catasós Antonio Fernández avanza que este ano oficiará unha matachina e unha ampla recreación de oficios tradicionais
-
O edil de Festas e de zona, José Cuñarro, convida a lalinenses e visitantes que se acheguen a desfrutar da Matanza e agradece á parroquia de Catasós, ao pedáneo, á asociación de veciños, á comisión de festas e á familia que cede a casa a súa implicación na preparación da Matanza
-
-
A 25ª edición terá lugar o domingo 16 de febreiro a partir das 11.30 h na casa de Antuín (Catasós), organizada pola veciñanza de Catasós da man do pedáneo e do Concello
O edil de Festas e de zona, José Cuñarro Torres, e o pedáneo de Catasós, Antonio Fernández Fernández, que están a ultimar, da man da veciñanza desta parroquia, os preparativos da XXV Matanza Tradicional do Porco, desprazáronse ata a explotación do criador de porco celta e lalaíno, Celso Toimil, en Ateán (Botos), para comprobar o estado do exemplar ao redor do que xirará a recreación deste evento identitario que se desenvolverá o domingo 16 de febreiro na Casa de Amorín, no lugar de Antuín (Catasós). Trátase dun porco lalaíno cen por cen, de 14 meses, fillo de nai celta e pai Duroc, explica o produtor.
O pedáneo Antonio Fernández avanza, respecto da celebración tradicional do Porco, que “se vai recrear a Matanza como se fai todos os anos coa novidade de que por primeira vez este ano imos ter matachina en vez de matachín”. “Está a parroquia totalmente implicada na preparación da Matanza”, remarca. Así mesmo adianta que “vai haber recreación de oficios: de calceta, de ganchillo, tapicería, palillería, afiadores..., un pouco as tradicións da aldea”. “Tamén haberá un forno cocendo pan”, indica.
José Cuñarro fai fincapé en que “a Matanza era unha das celebracións máis importantes que tiñamos no interior de Galicia e na Comarca de Deza, pois significaba ter garantido o sustento para todo o ano; da Matanza e da seitura era do que as familias vivían todo o ano: os chourizos, os xamóns, os lacóns, o touciño, etc. etc.”. Sinala que “á parte desa demostración de oficios en Catasós vai haber degustación de produtos típicos da Matanza”. Ao respecto Fernández Fernández concreta que “haberá degustación de produtos típicos do porco, empanada e sobremesas caseiras realizadas polas veciñas da parroquia”.
Actuacións musicais
“Durante toda a recreación da Matanza van estar amenizando o evento Os Dezas de Moneixas durante a mañá e despois da degustación estará o dúo Dilema animando a tarde”, subliña.
Aparcadoiros sinalizados
Cuñarro afirma que “quédanos que veña un bo día, que polo menos non nos chova: haberá unha carpa onde o local social que será onde se fai a degustación dos produtos; a menos de 200 m. está a casa; haberá aparcadoiros debidamente sinalizados tanto pola asociación de veciños de Catasós que leva o peso da Matanza como desde Emerxencias Lalín, que poñerá todos os medios para poder ter uns aparcamentos dignos”.
O edil convida a “lalinenses e visitantes que se acheguen a Catasós o domingo 16 desfrutar da Matanza Tradicional do Porco e agradece á parroquia de Catasós, ao pedáneo, á asociación de veciños, á comisión de festas e á familia que cede a casa, pola súa implicación xa que están a traballar moito para que todo saia adiante”. “Desde o Concello, o goberno estamos a traballar no que nos toca para que sexa unha boa Matanza”, indica.
Por último, Cuñarro “tamén lle agradece ao criador Celso Toimil porque é difícil atopar cada ano un exemplar que cumpra cos requisitos de ser un porco como os de antano, que pese máis de 180 quilogramos e que teña máis dun ano de vida, e que sexa criado fóra, alimentado con landras e de castañas, produtos típicos do noso rural”.