Este Premio, convocado polas Concellerías de Igualdade e Comercio con motivo do 8M, ten como fin dar visibilidade ás achegas das mulleres á sociedade nos diferentes ámbitos
As candidaturas poderán ser presentadas pola propia interesada ou por terceiros ata o 26 de febreiro a través da sede electrónica ou do rexistro xeral do Concello de Lalín, ou por correo electrónico a igualdade@lalin.gal
Ata o 26 de febreiro pódense presentar as candidaturas para o XIX Premio ás Mulleres “Dna. Maruja Gutiérrez” 2025, convocado polas Concellerías de Igualdade e de Comercio con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, para dar visibilidade as achegas das mulleres á sociedade, promovendo a transformación dos estereotipos sexistas e rompendo coas situacións de discriminación por razón de xénero. Así mesmo estes galardóns pretenden estimular e recoñecer o esforzo e a traxectoria de mulleres que están desenvolvendo un labor importante e relevante no ámbito da igualdade de oportunidades para que sirva de exemplo para toda a sociedade e referente para as novas xeracións de mulleres.
Poderán ser candidatas:
- Empresarias (titular, promotora e/ou socia principal), con independencia da forma xurídica da súa empresa e con domicilio social en Lalín.
- Mulleres ou asociacións/colectivos que destaquen pola súa traxectoria tanto profesional, coma persoal ou no eido social.
As categorías son as seguintes:
- Xove empresaria (idade máxima da empresaria 35 anos ou que a creación da empresa non supere os 3 anos de antigüidade).
- Traxectoria "toda unha vida".
- Mulleres en movemento, para mulleres ou asociacións/colectivos de mulleres que destaquen pola súa traxectoria profesional, persoal ou social e que traballan polo avance en igualdade.
Cómpre indicar que as candidaturas poderán ser presentadas pola propia interesada ou a instancia de terceiros: particulares, asociacións empresariais, culturais, de mulleres... que deberán remitir as candidaturas a través da sede electrónica ou do rexistro xeral do Concello de Lalín, ou por correo electrónico a igualdade@lalin.gal, indicando o asunto: XIX Premio ás Mulleres “Dna. Maruja Gutiérrez”.
As bases están a disposición das persoas interesadas na Oficina de Igualdade do Concello e na web www.lalin.gal