Esta mostra, que se enmarca no proxecto «Corrente cultural» que propicia a colaboración entre o Concello de Lalín, ABANCA e Afundación, fai un percorrido pola diversidade creativa da arte contemporánea a través de vinte e oito gravados dos máis destacados artistas do panorama galego e español e mesmo internacional, todos eles obras pertencentes á Colección de Arte Afundación
• Foi aperturada hoxe pola tenente alcalde e concelleira de Cultura, así como por José Luis Romero Quiroga, coordinador institucional de ABANCA; César Carballo Suárez, director da Oficina ABANCA de Lalín e Paloma Vela Garicano, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación
O Concello de Lalín, ABANCA e Afundación presentan a exposición «Arte en tinta», mostra central da 57ª Feira do Cocido, que recolle vinte e oito creacións, todas gravados, obras en tinta, de vinte e un dos máis destacados artistas do panorama galego e español e mesmo internacional e todas elas pertencentes á Colección de Arte Afundación. «Arte en tinta» foi aperturada hoxe pola tenente alcalde e concelleira de Cultura, Paz Pérez, así como por José Luis Romero Quiroga, coordinador institucional de ABANCA; César Carballo Suárez, director da Oficina ABANCA de Lalín e Paloma Vela Garicano, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación.
A partir da escolma dunha trintena de obras da Colección Afundación, nace así «Arte en tinta», un percorrido por conceptos, temas, estilos e linguaxes, presentes na arte contemporánea. O hiperrealismo de Eduardo Naranjo ou Quintana Martelo, o mundo onírico de Jorge Castillo, a delicadeza de Carmen Laffón, o equilibrio luminoso de Berta Cáccamo, a abstracción de Broto ou o volume de Chillida son só algúns dos aspectos que afloran nesta mostra.
comunicacion@afundacion.org I 986 864 612 I 648 655 520 I 981 953 097
prensa@lalin.gal
A temática das diferentes obras elixida flúe desde o concreto ao abstracto, dos obxectos á arquitectura, dos animais ás persoas. O real, o imaxinario e o abstracto conviven nos diferentes procesos e técnicas do gravado (augaforte, augatinta, xilografía, litografía, serigrafía...). Estas distintas temáticas, compartindo un mesmo espazo, permiten transmitir que a énfase da exposición reside na diversidade, nas posibilidades inherentes ás técnicas do gravado e, por suposto, na liberdade creativa da arte contemporánea. A tenente alcalde, Paz Pérez, fai fincapé “na magnífica exposición que este ano temos o honor de acoller en Lalín no marco dos actos da LVII Feira do Cocido” e agradece a Afundación “facer posible en Lalín esta mostra que reúne obras dos máis relevantes artistas contemporáneos tanto galegos como españois e mesmo cunha dimensión internacional”. “Vai ser unha exposición moi visitada dada a calidade das obras que recolle”, sinalou. Pon en valor que entre a máis dunha vintena de artistas que compoñen «Arte en tinta» se atopan creadores estreitamente vinculados a Lalín e ao Cocido como Manuel Quintana Martelo, cartelista da Feira en 2006, autor da exposición central da LV Feira do Cocido (2023) e con quen, como presidente da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) mantivemos unha estreita colaboración no desenvolvemento do Ano Laxeiriano (2022) ou Jorge Castillo, cartelista da Feira no ano 2009 e que está considerado como un dos máis internacionais artistas galegos vivos. Esforzo de divulgación dunha colección que é Ben de Interese Cultural de Galicia Paloma Vela Garicano, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, resalta, pola súa banda que «se pretende con esta exposición divulgar o uso da técnica do gravado, tan descoñecida como interesante, e que foi utilizada por algúns dos máis importantes nomes do noso panorama artístico para realizaren traballos de gran forza expresiva». Engade, ademais, que «no ano en que se cumpre unha década desde que a colección foi declarada Ben de Interese Cultural de Galicia, esta mostra en Lalín forma parte do esforzo de divulgación que facemos coa nosa colección, e que está liderado nestes momentos co proxecto “Simultánea” que amosa 350 obras da Colección de Arte Afundación nas sete sedes da entidade por toda Galicia». Indica que “convidamos a todas as persoas que visiten a exposición a que traian alimentos non perecedoiros: todo o recollido será destinado, en coordinación co Concello de Lalín, a entidades e colectivos lalinenses que recibirán todos os fondos recadados”. «Unha invitación que se enmarca no programa “Cultura por Alimentos” de Afondación», precisa.
comunicacion@afundacion.org I 986 864 612 I 648 655 520 I 981 953 097
prensa@lalin.gal
Aos nomes de Quintana Martelo e Castillo, indicados pola tenente de alcalde, únense os de relevantes artistas galegos como Berta Cáccamo, Xaime Quessada, Antón Goyanes, Roberto González, Manuel Facal Ponte e Jesús Núñez Fernández e Ann Heyvaert, nacida en Menphis, nos Estados Unidos e desde hai anos profesora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Así mesmo conforman a mostra gravados de Chillida, Tapies, José Manuel Broto, Antonio Clavé, Carmen Laffón, Cristóbal Toral, Eduardo Arroyo, Eduardo Naranjo, José Hernández, José María Sicilia, Vicente Arnás e José de Guimaraes, considerado como un dos principais artistas portugueses da arte contemporánea. Esta iniciativa, que se poderá ver no Museo Municipal Ramón Mª Aller Ulloa ata o 14 de marzo, é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
RELACIÓN DE ARTISTAS:
1.
Ann Heyvaert
2.
Antón Goyanes
3.
Antoni Clavé
4.
Berta Cáccamo
5.
Carmen Laffón
6.
Chillida
7.
Cristobal Toral
8.
Eduardo Arroyo
9.
Eduardo Naranjo
10.
Jesús Núñez
11.
Jorge Castillo
12.
José de Guimaraes
13.
José Hernández
14.
Jose Manuel Broto
15.
Jose María Sicilia
16.
Manuel Facal
17.
Quintana Martelo
18.
Roberto González
19.
Tapies
20.
Vicente Arnás
21.
Xaime Quessada