-
Trátase de convocatorias de axudas á acción comunitaria da Xunta e da Deputación, que actualmente están abertas, con contías destacadas
-
Desde o goberno municipal convídase a asistir a todos os colectivos do municipio para que coñezan de primeira man os detalles das convocatorias e se animen a pedilas. Desde o Concello bríndase axuda técnica na súa tramitación
O Concello de Lalín convoca unha reunión informativa para o mércores, 29 de xaneiro, ás 19.30 horas, no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero, para explicarlles aos colectivos interesados as distintas convocatorias de axudas oficiais a asociacións veciñais, que actualmente están abertas. Son concretamente as liñas de axudas á acción comunitaria da Deputación de Pontevedra que poden ascender a 10.000 euros e que se poden solicitar ata o vindeiro 17 de marzo e as da Xunta de Galicia, que poden alcanzar os 12.000 euros e que se poden pedir ata o 15 de febreiro.
Desde o goberno municipal convídase a asistir a todos os colectivos do municipio para que coñezan de primeira man os detalles das convocatorias abertas das que se poderán beneficiar. Cómpre recordar que na anterior convocatoria Lalín foi un dos concellos máis beneficiarios da aposta provincial polo tecido veciñal xa que 15 asociacións recibiron no 2024 axudas por valor de preto de 141.000 euros no marco desta liña de acción comunitaria da Deputación.
Estas liñas de axudas que están abertas, tanto da Xunta como da Deputación, están dirixidas a asociacións de veciños, mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas e para a súa a tramitación o Concello brinda axuda técnica. As subvencións están dirixidas tanto ao acondicionamento, reforma e ampliación de locais sociais como doutras infraestruturas, equipamentos ou espazos nos que desenvolven as súas actividades, así como a adquisición de equipamento para os ditos locais.