A inauguración terá lugar o venres 17 de xaneiro, ás 12.00 h, no Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa
A exposición enmárcase no proxecto «Corrente cultural» que propicia a colaboración entre o Concello de Lalín, ABANCA e Afundación
O Concello de Lalín, ABANCA e Afundación inaugurarán este venres 17 de xaneiro, ás 12.00 h, no Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa, a exposición «Arte en tinta». Asistirán Paz Pérez, tenente alcalde e concelleira de Cultura de Lalín; José Luis Romero Quiroga, coordinador institucional de ABANCA; César Carballo Suárez, director da oficina de ABANCA de Lalín; e Paloma Vela Garicano, coordinadora adxunta da Área de Cultural de Afundación.
A partir dunha escolma de obras da Colección Afundación, nace «Arte en tinta», un percorrido por conceptos, temas, estilos e linguaxes, presentes na arte contemporánea a través de nomes destacados do panorama español e galego. Poderase visitar ata o 14 de marzo, de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 h e de 18.00 a 20.00 h.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.