-
Carmen Canda, concelleira de Política Social, agradece a todas as persoas e entidades que fixeron posible a campaña así como o voluntariado do Desván que dedican moitas horas á preparación dos xogos e xoguetes para a súa entrega
-
Todos os menores incluídos na iniciativa recibiron un agasallo a estrear e todas as familias beneficiarias tiveron a oportunidade de escoller un xoguete novo a estrear, un agasallo usado en perfecto estado, un peluche e un libro de lectura
Este ano beneficiáronse da Campaña “Ningún neno/a sen xoguete” un total de 88 menores de 58 unidades familiares con idades comprendidas entre os 0 a 12 anos. Así o indica a concelleira de Política Social, Carmen Canda Larroy, que fai fincapé en que “o 100% dos/as menores incluídos na campaña deste ano recibiron un agasallo a estrear e que todas as familias tiveron a oportunidade de escoller un xoguete novo a estrear, un agasallo usado en perfecto estado, un peluche e un libro de lectura adaptado á idade e ás características persoais de cada menor”.
Canda Larroy “agradece a todas as persoas que de modo individual ou a través das entidades fixeron posible a campaña, así como o labor do voluntariado do Desván e en especial a un dos voluntarios que durante todo o ano, e de xeito intensivo durante os meses de novembro e decembro, dedica moitas horas á preparación e comprobación dos xogos e xoguetes para a súa entrega”.
Reforzar o tecido social solidario integrando a institucións, asociacións e empresas
Esta iniciativa pretende fomentar a solidariedade atendendo á ilusión dos/das máis novos/as, procurando que todos os nenos procedentes de familias en situación de desvantaxe social reciban un agasallo no Nadal; fomentar e promover accións solidarias entre a veciñanza lalinense e sensibilizala da importancia deste tipo de actuacións, ao tempo que reforzar o tecido social solidario do noso municipio do que formen parte non só persoas a nivel individual senón tamén institucións, asociacións e empresas da nosa contorna, explica.
A selección das unidades familiares beneficiarias da campaña fíxose tendo en conta factores socioeconómicos dentro dos distintos programas de recursos e inclusión da Concellería de Política Social, incidindo especialmente na necesidade de non xerar condutas consumistas nas familias.
Canda remarca “a resposta positiva, un ano máis, das entidades e asociacións que quixeron sumarse a esta campaña e que grazas á súa constancia e solidariedade comunitaria logran manter viva un ano máis esta iniciativa, ademais dunha ducia de entregas que persoas particulares e anónimas achegaron ata as dependencias municipais do Desván ou que fixeron donativos económicos depositados no comercio local”.
As entidades colaboradoras que tomaron parte nesta campaña de solidariedade foron:
-
Centros de ensino:
-
IES Laxeiro: entregaron unha doazón de xoguetes e xogos a estrear e usados en perfecto estado de uso.
-
IES Ramón Mª Aller Ulloa: entregaron unha doazón de xoguetes e xogos a estrear e usados en perfecto estado de uso.
-
-
Residencias:
-
Residencia DOMUSVI de Lalín sumouse novamente á campaña colocando no seu centro un punto de recollida de agasallos, onde recopilaron xogos e xoguetes en bo estado de uso.
-
-
Asociacións:
-
Recycling Bicis Solidarias: colaboraron coa doazón de bicicletas e xogos.
-
Grupo “AMIGOS DE LALÍN”: Colaboraron cunha doazón pecuniaria como agradecemento pola cesión dun local no que se reúnen periodicamente, que depositaron na tenda “JUGUETTOS”, que tamén colabora na campaña aplicando os seus correspondentes descontos.
-
Escola de Xadrez: colaboraron cunha achega pecuniaria depositada nas librerías Dalvi e Álvarez.
-
As Asociacións de veciños/as e mulleres de A Xesta e San Cristovo de Camposancos: colocaron sendos puntos de recollida de xoguetes reunindo máis de medio centenar de agasallos.
-
-
Empresas:
-
Haley e GADISA: participaron colocando no seu centro un punto de recollida de agasallos, onde recopilaron xogos e xoguetes en bo estado de uso.
-
Librería Dalvi: sumáronse a esta campaña coa achega de xoguetes educativos e material escolar.
-
Librería Álvarez: sumáronse a esta campaña coa achega de material escolar.
-
-
DOAZÓNS ANÓNIMAS PERSOAIS E PARTICULARES de xogos e xoguetes recibidas no Desván así como unha doazón anónima nunha das librerías participantes.