Inicio

XV NOVAS FRONTEIRAS NA IGUALDADE DE OPORTUNIDADES 2.0:

Feminismo, Violencias e Coeducación

A 4ª OLA FEMINISTA E A GLOBALIZACIÓN DO FEMINISMO - FEMINISMOS SEN VÍTIMAS - A PROSTITUCIÓN: ENTRE VELLOS PRIVILEXIOS MASCULINOS E NOVOS IMAXINARIOS NEOLIBERAIS - SISTEMA PROSTITUCIONAL: MERCANTILIZACIÓN DO CORPO FEMININO E O MOVEMENTO DAS SUPERVIVINTES - O SISTEMA PROSTITUCIONAL E A TRATA - A XESTACIÓN SUBROGADA: PATRIARCADO, NEOLIBERALISMO E AUTONOMÍA DAS MULLERES - “SEÑOROS ILUSTRADOS”: A SUBXECTIVIDADE MASCULINA - A VIOLENCIA 2.0 A EXAME NA POBOACIÓN ADOLESCENTE GALEGA - FEMINISMO E LITERATURA INFANTIL E XUVENIL: CAMBIAR O MUNDO A TRAVÉS DOS LIBROS - INTERSECCIONALIDADE: UNHA OPORTUNIDADE PARA XERAR ALIANZAS - A DIVERSIDADE SEXO-XENÉRICA DESDE A PERSPECTIVA COEDUCATIVA: FRICCIÓNS, INNOVACIÓNS E OPORTUNIDA DES - LABORAMORIO E OUTROS RECURSOS COEDUCATIVOS - FERRAMENTAS PARA AULAS LIBRES DE VIOLENCIAS - PEDAGOXÍA COEDUCADORA CARA Á ERA DA IGUALDADE

RosaCoboBediaCarmeAdánVillamarínBeatrizRaneaTriviñoAmeliaTiganusMabelLozano OctavioSalazarBenítezIvánSambadeBaquerín MilenaVillarVarelaMontsePenaPresasLucasPlateroMéndez

LuisPucheCabezasJuanLilloSimónCarmenRuizRepulloMªElenaSimón

MªJoséMendezLoisCelsoTaboadaLorenzoSusiPayoNegro

Autoras como Rosa Cobo, Pilar Aguilar, Luisa Posada ou Alicia Miyares consideran que as mobilizacións e as accións políticas do 7 de novembro de 2015 e do 8 de marzo de 2018 en España, xunto co movemento #MeToo en EEUU e outras mobilizacións moi destacables en Arxentina e Turquía, protagonizaron unha resposta contundente á forte reacción patriarcal que arrasa as nosas sociedades. A magnitude destas mobilizacións converteu ao feminismo nun movemento de masas por terceira vez na súa historia se temos en conta o movemento sufraxista e o feminismo radical dos anos setenta, do século XX. Feminismo que neste momento, ademais, adoita a característica de ser global.

Esta mobilización a escala global, alentada por unha desigualdade e unha violencia contra as mulleres tamén globais, é un factor de lexitimación do feminismo. Cando un movemento social ten tal capacidade de convocatoria é porque recolle simpatía de sectores maioritarios da poboación e tamén porque foi capaz de colocar no centro simbólico da sociedade un significante, a necesidade de xustiza para as mulleres, compartido por amplos sectores sociais. Moitas máis mulleres, que as que se autodefinen como feministas, se identificaron con esta idea e, mesmo, o máis sorprendente é que tamén grupos de homes comparten a xustiza desta vindicación feminista. Esta identificación de sectores alleos aos intereses feministas é un elemento de lexitimación que haberá que xestionar politicamente e que se pode converter nunha fonte de presión política, social e educativa da que a universidade e a academia non poden quedar fora.

O feminismo, nos seus tres séculos de historia, puxo o foco nos privilexios masculinos -no patriarcado- até os anos oitenta, do século pasado, en que un sector do movemento desprazou o foco desde as estruturas e privilexios patriarcais cara ao interior das mulleres como xénero subordinado e cara ao interior do propio movemento feminista. A partir dese momento o imaxinario feminista verase hexemonizado pola idea da diversidade e as diferenzas entre as mulleres até o punto de que se cuestionará a categoría de suxeito político feminista e o propio concepto de “mulleres”. E así, a diferenza entre as mulleres converterase nunha das ideas centrais do imaxinario feminista.

Pois ben, agora que o feminismo asumiu a diversidade das mulleres e asentouse esta idea na configuración ideolóxica feminista, xa se puido desprazar o foco desde o interior de “as mulleres” até fóra, até os fenómenos sociais patriarcais máis opresivos. Sen este lento e aparentemente imperceptible desprazamento non sería posible este estalido social.

A cuarta ola feminista non nace repentinamente, senón que leva xestándose durante moito tempo a unha escala global, especialmente a través das redes sociais. A teoría e a historia do feminismo estiveron, e continúan estando, ausentes nos plans de estudo dos institutos e as universidades. Como consecuencia, cada xeración de mulleres esquece os saberes construídos pola xeración anterior e aflora a obriga de ter que interpretar as propias experiencias cunhas ferramentas teóricas, adquiridas na educación regulada, que non permiten responder aos interrogantes propostos e levan a ter que tirar de fíos case invisibles cos que ir desenterrando o que escribiron as grandes mestras do feminismo.

Descubrimos ás mestras da filosofía que interpelan directamente ás nosas vidas. Sentimos rabia cando nos damos conta de que se nos ocultou o pensamento de media humanidade, as teorías que nos permiten tomar conciencia colectiva. É a conciencia colectiva das mulleres como clase sexual o que posibilita a mobilización de masas. Non é nada raro que o acoso sexual, as agresións sexuais e a prostitución sexan faíscas que fan estalar a protesta. A redución das mulleres a meros obxectos sexuais é o elemento máis característico do sistema patriarcal.

O sexismo defínese como unha actitude dirixida ás persoas en virtude da súa pertenza a un determinado sexo biolóxico en función do cal se asumen diferentes características e condutas. Por unha banda, a través dos estereotipos “descritivos” establécense as características que describen a cada sexo. Características que nutren de contido os conceptos de “masculino” e “feminino”, obviamente para definir e describir a homes e mulleres. Así, a masculinidade é asociada con características de dominación, control e independencia e a feminidade con atributos de sensibilidade, afecto e preocupación polo benestar alleo. Esta asimetría de papeis propicia a división do espazo público-privado como esferas separadas para ambos os sexos, apoderándose o home do espazo público ou político e relegando á muller ao espazo privado ou doméstico. Ademais reprodúcese a xerarquía valorativa en función da cal se prioriza o espazo público fronte ao espazo privado para garantir a supremacía masculina. Doutra banda, os estereotipos “prescriptivos” fan referencia ás condutas que se consideran que deben levar a cabo homes e mulleres. De tal modo que o encasillamento que as diferentes sociedades impoñen aos sexos a través dos significados asociados á dualidade masculino-feminino condiciona o tipo de actividades e a distribución das ocupacións consideradas máis adecuadas para ambos.

Dentro do sexismo tamén se pode diferenciar o sexismo hostil e o sexismo benevolente. Dende o sexismo hostil (Lameiras, 2004) caracterízase ás mulleres como un grupo subordinado, que lexitima o control social que exercen os homes. Pola súa banda, o sexismo benevolente baséase nunha idea tradicional que idealiza ás mulleres como esposas, nais e/ou obxectos románticos, e presupón a inferioridade das mulleres, pois considera que as mulleres necesitan dun home para que as coide e protexa, e a súa vez, utiliza un ton subxectivamente positivo con determinadas mulleres, as que asumen roles tradicionais, como criaturas puras e marabillosas cuxo amor é necesario para que un home estea completo.

É moi importante establecer que o sexismo benevolente axuda ao sexismo hostil permitindo aos homes sexistas ser “benefactores” das mulleres, e desculpar a súa hostilidade só ante aquelas mulleres que “o merecen”. Este sexismo benevolente suscita condutas prosociais clásicas como as de “axuda ou protección” para as mulleres. Sen que o precisen nin o pidan!!!

Tanto o sexismo hostil como o sexismo benevolente teñen as súas raíces ao redor de tres compoñentes comúns: o paternalismo, a diferenciación de xénero e a heterosexualidade. Cada compoñente reflicte unha serie de crenzas nas que a ambivalencia cara ás mulleres é inherente, xa que presenta en si mesmo un compoñente hostil e outro benévolo. Centrándonos nos dous primeiros compoñentes aportar que: o paternalismo é similar á maneira na que se espera que un pai tradicional se comporte coas súas fillas e fillos: por unha banda, achégalles afecto e protección e, polo outra, o pai representa o poder e é o que directamente “manda e ordena” sobre a prole. Esta concepción está intimamente relacionada coa visión ambivalente do sexismo, xa que inclúe as dúas dimensións, por unha banda do paternalismo protector e o pola outra do paternalismo dominador. En referencia á diferenciación de xénero dicir que os sistemas culturais patriarcais empregan supostas diferenzas biolóxicas (físicas, psíquicas...) como base interpretativa para facer distincións sociais que supoñen a asignación de valores, aptitudes e actitudes, así como normas que se establecen en función do sexo ao que se pertence. Do mesmo xeito que no paternalismo, na diferenciación de xénero tamén nos atopamos coas dúas caras do sexismo: por unha banda está a diferenciación de xénero competitiva e polo outro a diferenciación de xénero complementaria.

A historia dominada polo sistema patriarcal provocou que, aínda hoxe, sigamos convivindo nunha sociedade cunha marcada situación de desigualdade e nun marco de relacións de poder e dominación dos homes sobre as mulleres, a pesar da loita incansable de moitas persoas que se sumaron ao esforzo de lograr maiores cotas de liberdade e democracia. Exércese violencia contra as mulleres, polo mero feito de selo, e isto constitúe un atentado contra a integridade, a dignidade e a liberdade das mulleres e, independentemente do ámbito no que se produza, é un atentado contra toda a sociedade.

Historicamente, e en todas as sociedades, a falta de concienciación e implicación, a evasión e en ocasións o rexeitamento dos homes ás cuestións relacionadas coa igualdade, conleva un lastre nos avances tanto sociais como persoais das mulleres, dos demais homes e de toda a sociedade no seu conxunto, así como unha limitación, dificilmente salvable, para as políticas públicas de familia, de benestar social e de igualdade.

Elisabeth Badinter (1993) cre que os homes se atopan nun cruce de camiños que, a miúdo, toma para eles a forma dun dilema insoportable: mutilación da súa feminidade ou mutilación da súa virilidade; «ferida mortal para a súa «alma feminina» ou ben afogamento no regazo maternal». Ela cre que a vía intermedia sería a máis recomendable, probablemente porque en todo ser humano se encontran características de todo tipo. O único que acontece é que unhas se asociaron ao xénero feminino e se mostraron como negativas e outras consideráronse positivas e pertencentes ao ámbito da masculinidade. Pero en realidade ambos os dous polos forman un todo; o ser humano é un ser complexo cheo de contradicións e matices de diferente intensidade, e varía nos seus comportamentos ao longo da súa vida.

A violencia de xénero está estreitamente ligada a un modelo cultural hexemónico baseado no machismo. A loita contra a violencia de xénero non pode prescindir das accións de apoio aos cambios culturais, sobre todo nos grupos de idades máis novas, polo que ten a que ver co enfoque de xénero e a sexualidade. Debe lembrarse que a violencia é unha estratexia de relación aprendida. Sexan cales sexan as formas en que se manifesta, sempre busca o obxectivo de erosionar a autoestima e a imaxe social das mulleres (de todas as mulleres, non só das que a sofren), co fin de que aqueles homes cun claro modelo masculino tradicional sigan a manter o poder e o control sobre elas.

A abordaxe das diferentes formas de violencia que se poden manifestar dende o patriarcado, das violencias masculinas cara ás mulleres pero tamén cara a outros homes, menores, persoas maiores, con diversidade funcional, dependentes,... así como outras formas de control, submisión e dominación que con certos matices, formas e representacións diferentes se presentan na sociedade, son os eixos dos contidos que trataremos de explicar neste curso. Calquera tipo de violencia fundaméntase nunha relación de poder onde alguén trata de dominar a outra persoa pola forza, contra a súa vontade; trata de obrigala a que faga o que non desexa, a que se pregue e recoñeza a súa inferioridade e dependencia con respecto a quen exerce a violencia explícita ou simbólica.

Ditas violencias pódense exercer individualmente ou como grupos de poder social, político, cultural, relixioso, familiar..., de maneira directa contra calquera persoa, contra o seu status, os seus bens, as súas diferentes pero lícitas formas de vida e/ou contra as posibilidades de crecer e desenvolverse socialmente de maneira autónoma e digna. Ditos contidos son, sen dúbida, aspectos realmente meritorios para reflexionar no exercicio educativo formal e informal con toda a comunidade, neste momento histórico e particular.

A pesar de haber unha maior concienciación acerca destas duras situacións de violencia, e pese ao desenvolvemento actual de diversas regulamentacións, e maiores cotas de igualdade formal, mantense o incremento dos casos de trata con fins de explotación sexual, que pasou de ser un fenómeno social histórico a unha crecente industria sexual global que se move desde unha lóxica empresarial e que extrae os seus enormes beneficios dunha demanda incentivada por unha cultura hedonista que xenitaliza o social e que naturaliza o uso cosificado das mulleres e das nenas.

A trata con fins de explotación sexual, como efecto explícito das violencias simbólica, cultural, sexual e estrutural, evidencia unha realidade económica na que o capitalismo globalizado e o patriarcado se integraron de tal modo que as vítimas son reducidas a mercadorías a partir da convalidación da súa posición de xénero subordinada. Ver o contexto con este prisma, permitirá comprender que este fenómeno non pode ser reducido a un mero asunto de loita contra o crime organizado, senón que debe percibirse como un mal que involucra moitos aspectos mais da cotidianeidade social do que a miúdo estamos dispostos a recoñecer.

Sabemos que nenos e nenas, logo mozos e mozas, aprenden e interiorizan perfectamente que as mulleres, en última instancia, están para servir os desexos e o proxecto de vida dos homes. Apréndeno a través de moitas canles e de todos os axentes de socialización, pero principalmente a través da imaxe que amosa das mulleres a chamada “industria sexual”, da pornografía e da prostitución.

A industria do sexo move moitísimo diñeiro e intereses comerciais nun contexto neoliberal e sen escrúpulos. A mensaxe que transmite é a de normalizar, banalizar e idealizar a prostitución e a sexualidade heteropatriarcal como se fose algo que empodera ás mulleres. Vivimos nunha sociedade que está tan patriarcalizada, e pode chegar a ser tan “parva”, que parece que se algo está relacionado coa sexualidade non se pode nin sequera cuestionar. Temos que valorar, coas ferramentas educativas e democráticas, e cun claro enfoque de xénero, o que é realmente ter liberdade sexual e o que é violencia de xénero e portar ferramentas para cuestionar que se espera das mulleres e tamén que se espera dos homes.

As webs de pornografía e prostitución son absolutamente denigrantes e violentas. Sabemos que rapaces, cada día máis novos, usan como noutros tempos como sistema de iniciación sexual ir con mulleres prostituídas, maioritariamente rapazas moi novas maltratadas e traídas dende países desestruturados dos máis pobres do mundo. Como comenta a profesora Ana de Miguel (2012) “a prostitución é unha auténtica escola da prepotencia e dos valores patriarcais máis rancios”.

A prostitución feminina é “cómoda” para os homes sans do heteropatriarcado porque acceden de modo inmediato ao sexo, e aforran tempo, sáltanse os pasos do cortexo, prescinden da interacción persoal, o traballo de sedución, e o medo ao rexeitamento. Outra “vantaxe” é que poden despreocuparse por completo do pracer da outra persoa e centrarse no seu, porque a muller prostituída non pode queixarse.

Cando analizamos a violencia contra as mulleres vemos que se relaciona coa misoxinia, o desprezo cara as mulleres, pensar que as mulleres son menos que os homes e principalmente, que as mulleres están sempre dispoñibles xa que “son todas unhas putas”, porque son tentacións para eles. Non debemos esquecer que os homes da nosa cultura coaccionan dende múltiples canais para que as mulleres vaian case espidas aínda que logo se empregue iso mesmo como sistema de control e violencia.

A escola ten por obxecto inducir e estimular o proceso de se converter en persoa a través da maduración integral de todas as capacidades potenciais, non só as cognitivas, senón tamén as afectivas e as condutuais. O desenvolvemento afectivo-emocional e sexual das persoas, o descubrimento do propio corpo, o coñecemento e expresión das emocións e sentimentos, a capacidade de verbalizalos mediante a adquisición de conceptos e criterios reflexionados e responsables, contribúen de xeito eficaz á mellora da autoestima, da intelixencia emocional e da autonomía, así como á construción das identidades sexuais desde o respecto e a liberdade. A educación afectivo- emocional e sexual con enfoque de xénero, moitas veces esquecida no currículo educativo, é fundamental na formación da personalidade, influíndo positivamente na calidade de vida, na adquisición de hábitos básicos de saúde e benestar, na vivencia do pracer sexual e na consecución da felicidade e, en último termo, na loita contra a violencia machista.

Desde a filosofía coeducativa resulta imprescindíble traballar estes contidos transversais e actitudinais nas aulas, para que a escola non se limite a ser só instrución senón un lugar de formación de persoas, e para iso as nenas e os nenos deben ser protagonistas do proceso de aprendizaxe, mediante a súa participación activa, propiciando unha contorna na que lles resulte doado falar das súas dúbidas, preocupacións e temores particulares, en relación a un tema que en xeral resulta difícil e delicado de abordar por parte do profesorado e do propio alumnado polo que require traballo serio e honesto e formación específica.

Para que o proceso de coeducación sexa efectivo, como afirma Ferreiro (2017) requírese, en primeiro lugar, establecer a orixe e as causas da desigualdade, identificar todas e cada unha das súas expresións, e deseñar a intervención educativa integralmente, tendo en conta que os obxectivos e contidos deben incluír o conxunto de claves do tema, que a metodoloxía elixida non debe contradicir a estratexia de intervención e, desde logo, que se deben avaliar os resultados de dita intervención.

En aras de promover unha cidadanía máis igualitaria, teremos que aprender a ser persoas críticas coa linguaxe mediática e publicitaria e aprender a utilizar modelos que valoren a presenza de mulleres e homes con diversas identidades e diferentes características físicas, étnicas, socioeconómicas, idades... para representar a todas as persoas que existen na sociedade de forma real, e a valorar positivamente estas diferenzas, a fin de construír modelos de referencia, ampliar expectativas, e propor distintas actitudes, comportamentos e valores que garantan que a comunicación participe dos principios de igualdade de oportunidades e de trato.

En definitiva, con poñentes cun gran nivel de coñecemento da materia e mellor capacidade de comunicación desde distintos puntos de vista, trataremos neste curso, de reflexionar sobre os estereotipos cotiáns que alimentan as ideas nesgadas do que é “normal" e aceptable, e que forza principalmente a mulleres e nenas a asumir funcións, que seguro non escollerían libremente, ou a gastar enerxía loitando contra as ideas preconcibidas acerca do papel que desempeñan no mundo. Así mesmo, sobre os estereotipos que tamén afectan aos homes nas decisións que adoptan, tanto no ámbito persoal, como no laboral, educativo, social e político.

Desde as institucións educativas e políticas, temos a obriga moral de formar á cidadanía para opoñerse a calquera proposta de calquera grupo que pretenda regulamentar, organizar e/ou regular aquilo que produce discriminación e violencia. Debemos abrir debates públicos e sociais que permita desterrar tópicos sobre a violencia neoliberal baseada no sexo, e que permita tomar conciencia da devastación persoal (física e psíquica, pero tamén social e política) que representa principalmente para as mulleres que a sofren, en primeiro grao e para todas as demais tamén, e que se visualicen estas actitudes e accións como un grave atentado contra os dereitos humanos.

Debemos formarnos e capacitarnos para crear e reclamar recursos educativos, sociais, laborais, económicos e lexislativos suficientes que permitan mellorar esta sociedade afectando a cada unha das diversas e diferentes persoas que convivimos nela.

A escola, como un dos principais axentes de socialización, debe tomar nota de todo isto e dotarse, ao igual que o resto de axentes implicados, de ferramentas eficaces para poñer o seu gran de area e contribuír, decididamente, ao cambio da realidade descrita.

Obxectivos

  • Incrementar a conciencia sobre as diferentes expresións de violencias machistas na sociedade, a fin de non limitar o debate sobre os medios para combater a violencia só a pequenos grupos, co risco de auto-referencialidade.

  • Evitar a hexemonía, xeral ou parcial, e ampliar a discusión e as achegas sobre as mellores accións de sensibilización e loita contra a violencia de xénero e outras violencias.

  • Mellorar as habilidades do alumnado para contribuír a fortalecer o seu protagonismo e as súas posibilidades de influír na comunidade.

  • Coñecer e analizar boas prácticas para o desenvolvemento de actuacións igualitarias na escola mediante a revisión das ferramentas habitualmente empregadas e a análise de novas propostas.

  • Facilitar o intercambio de experiencias e o aproveitamento de materiais e recursos diversos sobre as temáticas propostas.

  • Incrementar o número de homes sensibilizados e que participan activamente a favor da igualdade de oportunidades.

  • Promover a participación e integración entre escola e comunidade a fin de desenvolver accións que permitan detectar os problemas educativos e sociais que lles afectan e aportar alternativas de solución que contribúan a mellorar a sociedade na que vivimos.

  • Facilitar o encontro de profesionais de distintos ámbitos de intervención relacionados coa igualdade de oportunidades, especialmente o profesorado, favorecendo o intercambio de experiencias e o apoio mutuo.

  • Entender as relacións existentes entre familia, escola, comunicación social e igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

  • Debater sobre a educación en igualdade nos ámbitos educativo e social, favorecendo unha reflexión sobre a igualdade como compromiso educativo.

  • Comprender a importancia da sensibilización para promover o cambio de mentalidades, actitudes e prácticas en relación cos procesos educativos que favorezan a comunicación igualitaria.

  • Abrir espazos de reflexión en torno ao sexismo que existe na comunicación humana, ofrecendo alternativas e proporcionando instrumentos para que, desde calquera ámbito, se potencie a utilización dunha linguaxe inclusiva e se trate a información desde parámetros non discriminatorios.

  • Dispoñer de recursos (simbólicos, semánticos, gramaticais, etc) para articular alternativas á comunicación sexista, racista, homófoba, etc.

  • Capacitar ao alumnado no manexo de técnicas para rachar cos estereotipos sexistas e evitar a súa reprodución.

Público a quen vai dirixido

  • Alumnado universitario.

  • Profesorado.

  • Diplomadas/os, licenciadas/os, doutoras/es ou profesionais que traballen en institucións públicas ou privadas e que queiran ampliar os seus coñecementos previos, ou incorporar por primeira vez a perspectiva de xénero e a igualdade de oportunidades na súa practica profesional ou no seu acervo de coñecementos.

  • Profesionais e persoal técnico de institucións públicas e privadas: Concellos, Comunidades Autónomas, Administración do Estado.

  • Educadoras/es sociais.

  • Traballadoras/es sociais e Orientadoras/es.

  • Profesionais dos medios de comunicación.

  • Community manager e profesionais da comunicación en Social Media.

  • Educadoras/es, ANPA, Asociacións sociais e/ou culturais, Fundacións, ONGs, Partidos políticos, Sindicatos...

Galerías

XI Novas Fronteiras na Igualdade de Oportunidades 2.0

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín

LALIN AXENDA

DESPLIEGUE 4G EN LA BANDA DE 800 MHZ
http://directorio.lalin.gal