Situada na parroquia de Vilanova, a 7 quilómetros do casco urbano de Lalín.
Á beira do río Asneiro, do que collía auga en tempos o muíño que aquí se conserva, é o lugar perfecto para pasar un día en familia ou con amigos, conta cunha grella, mesas e bancos de pedra onde poder desfrutar dunha agradable comida.
Pódense iniciar dende aquí dous sendeiros:
A Ruta do Castro de Doade (PR-G 210) que en 14,50 quilómetros de percorrido circular pasa pola aldea de Doade, onde podemos visitar o Museo Etnográfico “Casa do Patrón”, así como polo castro de O Penedo (que está en proceso de escavación), a igrexa románica de S. Xoán de Vilanova ou o carballo de Soutolongo (incluido no catálogo galego de árbores senlleiras) entre outros lugares de interese.
O lineal das paisaxes do alto Deza (Museo da Paisaxe), que percorre parte do sendeiro anterior, seguindo despois ata a serra de Candán pasando por lugares como Lebozán, As Liñeiras, Chedas, Zobra ou a Trigueira (antigamente houbo nesta aldea unha importante explotación mineira de estaño) e ao longo do que nos imos atopando paneis informativos sobre as paisaxes desta zona.