Espazos naturais

Falar de Lalín é falar de natureza, de miradoiros dende os que descubrir que o verde, o ocre, o amarelo ou o púrpura teñen centos de matices. Carballeiras, soutos e fragas de conto engalanan este municipio. Impoñentes árbores como os carballos de Vilatuxe, Espinosa ou Bermés, a sobreira do Vento, a árbore do incenso de Rodís, e tantos outros, elévanse como maxestosos centinelas do paso da historia.

Lugares máxicos como o Souto de Quiroga, a carballeira de Barcia ou a do Rodo, tesouros medioambientais como a Serra do Candán ou o Sobreiral do Arnego, son lugares que invitan a pechar os ollos e escoitar o piar dos paxaros, o vento acariñando as follas, o rumor dos centos de regatos e fervenzas onde sentir o abrigo no inverno, o frescor no verán, o perfume das flores na primavera, ou o arrecendo das alfombras de follas no outono ¿Canto tempo fai que non sentes unha paz semellante?

Fraga de Catasós

Declarada Monumento Natural, un dos oito existentes en Galicia, esta fraga de 45.185 metros cadrados de superficie, conta con excepcionais exemplares de carballos e castiñeiros, algúns destes últimos acadan os 30 metros de altura e 5 metros e medio de perímetro, estando considerados como os de maior taxa de medranza anual de Europa.

Era propiedade da familia Quiroga, habitantes do pazo situado no lugar de Quintela, a poucos metros da fraga, por iso tamén é coñecida como Fraga de Quiroga, Souto de Quiroga ou Carballeira de Quiroga. No ano 1868 un dos descendentes desta familia casa con Emilia Pardo Bazán, quen quizais escribiu algúns capítulos da súa obra “Los Pazos de Ulloa” neste pazo.

A mediados do século XX a FAO (Organización das Nacións Unidas para Agricultura e Alimentación) reclamou a protección desta fraga. No ano 1998 pasou a ser propiedade da Consellería de Agricultura e Medio Ambiente, sendo declarada Monumento Natural no ano 2000.

É posible desfrutar da fraga percorrendo un sendeiro circular sinalizado, de sinxelo e curto traxecto, só un quilómetro douscentos metros, equipado con paneis interpretativos.

Coordenadas
42.635707, -8.095567
Imagen Fraga de Catasós