Nesta igrexa podemos observar a evolución dun pequeno templo rural galego.
A pesar da súa actual aparencia moderna, conserva nos seus muros vestixios da súa orixe prerrománica. No século XII, a súa estrutura foi acomodada á moda románica, conservando deste período varias métopas con rosetas e restos de canzorros. Estes canzorros foron picados posiblemente nunha nova reforma de finais do século XVIII que eliminou a ábsida e deulle máis amplitude á construción. Posteriormente, debido á caída dun lóstrego en 1880, foi necesario reformar a fachada principal. Algunha das pezas románicas desa portada leváronse ó pazo de Liñares, coa intención de reutilizalas na súa capela. Na entrada ó salón nobre deste mesmo pazo pode observarse unha pintura mural que probablemente mostra o aspecto de dita portada antes da súa destrución.
Como curiosidade, no ano 2007, un lóstrego derrubou de novo parte do campanario e do teito da igrexa.