A súa fábrica primitiva é da primeira metade do século XII. Reformada en 1654, conserva da época románica parte da nave e a totalidade da fachada.
A fachada occidental componse dunha portada con dobre arquivolta sustentada por dous pares de columnas acaroadas moi curiosas por ter a modo de capiteis as bases invertidas de outras columnas; unha ventá seteira; un campanario de dous arcos que soportan un frontón triangular cun óculo central; e coroando o conxunto un Agnus Dei con cruz. De orixe románico semellan ser tamén as dúas pías bautismais situadas á entrada do templo, e a do interior.
O resto da construción é de estilo barroco, destacando o fermoso retablo que alberga no seu interior. Crese que a estatua baixo arcosolio pertence precisamente ó párroco promotor da reforma barroca do s XVII.
Ao pé da fachada está a -anónima por desexo expreso- sepultura do sabio sacerdote e astrónomo don Ramón María Aller Ulloa, nado nesta parroquia no pazo de Filgueiroa, a el débese a construción na súa residencia en Lalín do primeiro observatorio astronómico de Galicia.