Construída no ano 1700. Posúe planta de cruz latina, dunha soa nave, con cruceiro destacado en altura, e cuberta a catro augas, ao igual que as capelas e sancristía, mentres que a nave ten teito a dúas augas.
A súa fachada é de pedra á vista, co resto dos muros exteriores revocados. Na portada, de estilo barroco, destaca un gran escudo mariano e unha imaxe pétrea da Virxe do Carme sobre o eixo da porta, alintelada. A espadana, sobre o eixo da igrexa, é de dous corpos separados por cornixas, o primeiro con dous arcos e o segundo cun só arco, rematado con frontón curvo e decoración de pináculos.